Dende hoxe o Museo Claustro Mercedario de Verín conta cunha nova peza interpretativa do Padrón dos Pobos, adicada á explicación da verba “Támega”, da súa orixe e do nacemento da actual comarca.
O alcalde de Verín Gerardo Seoane, e o profesor e arqueólogo Antonio Rodríguez Colmenero, eran os encargados de inaugurala na mañá do 9 de agosto, diante dos alumnos da Ludoteca que asistiron a unha pequena “clase maxistral” sobre o intenso proceso urbanístico desenvolto, no século I da nosa era, no interior da actual provincia de Ourense.
A peza está aloxada e aberta ó público na sala de entrada recibindo alí aos visitantes. Durante a inauguración, o alcalde destacou a importancia da palabra “Támega” e “tamagani” para a identidade da comarca, e como o Padrón dos Pobos era o “documento administrativo” que a inclúe por primeira vez. A instalación céntrase na divulgación do papel que a Lexión VII de Roma tivo no proceso urbanizador que impulsou Vespasiano no século I da nosa era, e de resultas do cal os lexionarios romanos construiron as vías ó pe das que naceron as vilas da provincia, coma Verín, Xinzo de Limia e mesmo Ourense.
Asemade, a instalación divulgativa contén a explicación do misterio que envolve ó Padrón dos Pobos, xa que existen varias versións -como descubriu un estudio do propio Colmenero- e non se sabe a ciencia certa cal puido ser o primeiro. Todo apunta a que o orixinal se trata do instalado no ano 79 d.C. -o ano da erupción do Vesubio- nas proximidades da vía do Támega, en Chaves, que enlazaría esta zona comercial con Verín, ata Ourense e Lugo, vertebrando todo o futuro territorio ourensán. Este foi atopado no leito do río no ano 1980.