En portadaGalerías de fotos

Nova saída do CEIP Condesa de Fenosa: da Adega Godeval ao Castro

O centro barquense está inmerso no programa educativo “Coñece a túa contorna”

O CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa do Barco, continúa coas excursións didácticas para coñecer a comarca. A semana pasada os alumnos de 4º de Primaria visitaban a Adega Cooperativa Xesús Nazareno do Barco; onte os de 2º aproximábanse ao mundo da castaña coa visita á empresa Castañas Rafael, un souto de castiñeiros e un sequeiro; e hoxe, 14 de novembro, tocáballe o turno ao alumnado de 5º de Primaria cunha visita centrada novamente no mundo do viño e tamén do patrimonio cultural.

Desta volta a xornada comezaba pola mañá cun percorrido pola Adega Godeval. Da man da responsable da empresa, Araceli Fernández, os cativos descubriron o proceso de elaboración dun dos viños de referencia na D.O. Valdeorras, así como os segredos e historia do Mosteiro de Xagoaza. Xa pola tarde, alumnos e profesores desprazábanse ata a vila do Castro para visitar unha das edificacións máis senlleiras da comarca: A Torre de orixe medieval, dende a que desfrutaron dunha fantástiva panorámica do Barco de Valdeorras.

O programa completarase mañá, xoves 15 de novembro pola tarde, co magosto popular ao que están convidadas, como xa é tradición, todas as familias do centro.

Fotos: Carlos G. Hervella e CEIP Condesa de Fenosa.

 

Artigos relacionados

Back to top button