SanidadeÚltima hora

Nova sala de diagnóstico e tratamento nas Urxencias do CHUO

Ten máis de 180 metros cadrados e capacidade para 27 pacientes
Nova sala de diagnóstico e tratamento no servizo de Urxencias do CHUO.
Nova sala de diagnóstico e tratamento no servizo de Urxencias do CHUO.

Co fin de dar resposta ao déficit de espazo que tiña o servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense vén de dotalo dunha nova sala de diagnóstico e tratamento de máis de 180 metros e con capacidade para 27 pacientes.

Deste xeito, reconvertíronse para uso asistencial espazos de uso administrativo e de almacén, como despachos, salas de estar e de reunión de profesionais, “para así ampliar a áreas destinadas a asistencia de pacientes. “Este medida ten por obxectivo non só mellorar a humanización e confortabilidade, senón tamén a operatividade do propio servizo, xa que esta medida contribúe á mellora da organización interna, e permite un maior fluxo de pacientes e funcionalidade asistencial, o que se espera revirta nun menor tempo de acceso a asistencia e de estanza no propio servizo”, segundo se informaba dende a Xerencia de Xestión Integrada ourensá o 7 de setembro.

Dous días despois, o 9 de setembro, dende o persoal de enfermeiría deste servizo do CHUO emitíase unha nota de prensa de prensa na que manifestaba o seu “desacordo coa situación actual. Non cremos que os dereitos fundamentais do paciente sexan respectados”. Ademais puntualizaban que “o programa de confortabilidade e intimidade non só non se ve resolto, senón que empeora, dado que o espazo dos 27 postos é insuficiente (1.05 m por paciente, cando antes era de 1,40 m)”. Tamén se incide dende o persoal de enfermeiría deste servizo en que “o fluxo de pacientes será maior, pero atendido polo mesmo persoal que antes de existir esta sala de 180 m2” e en que a “seguridade do paciente non está garantida nesta sala, na que non existe unha visión directa e o enfermo non ten á súa disposición un sistema de chamada ao persoal”. Afirmaban ademais que “non podemos garantir a correcta realización da nosa práctica profesional, dada a insuficiencia de medios designados por esta Xerencia” e criticaban a “falta de información por parte da Xerencia de Xestión Integrada” ourensá..

O mesmo día 9 de setembro, o Sergas emitía outra nota de prensa na que se informaba de que a nova sala de Urxencias acollía nesta xornada aos seus primeiros pacientes. Nela tamén se indica que “a nova sala leva consigo un aumento do persoal de enfermeiría asignado, con dúas enfermeiras máis” e que no servizo de Urxencias “constituiuse un grupo de traballo, formado polos representantes do persoal de enfermeiría, elixidos directamente por este colectivo para servir de interlocutores e recibir información directa da dirección, así como para transmitirlle súas propostas de mellora”.

Dende o Sergas sinálase asemade que con esta nova sala “trátase en fin de procurar que o paciente permaneza sempre en espazos destinados ao seu coidado, con persoal ao seu cargo e ofrecéndolle, na medida do posible, a maior comodidade na súa estanza no servizo, facendo esta o mais curta posible e facilitando o fluxo asistencial”.

Artigos relacionados

Back to top button