BarbadásConcellosÚltima hora

Novas bonificacións para o transporte público de Barbadás

Terán desconto os empadroados no Concello que sexan estudantes, pensionistas, persoas con diversidade física ou psíquica igual ou superior ao 33% e usuarios de certas asociacións de utilidade pública

Unha rúa de Barbadás. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Concello de Barbadás pon en marcha novas bonificacións para o uso do transporte público en todo o seu termo municipal. Os usuarios que desexen beneficiarse desta iniciativa deberán tramitar a Tarxeta Metropolitana de Galicia (TMG) nas oficinas de Abanca e que entrará en vigor a partir do día 1 de setembro. Coa TMG o prezo será de 0,85€ por viaxe, tanto dentro do concello como entre Barbadás e Ourense.

Existen descontos para aqueles veciños empadroados en Barbadás e que pertenzan a certos colectivos. Pagarán un importe de 0,60€ por viaxe os estudantes menores de 28 anos e / ou que estean matriculados nun centro de ensino oficial público ou privado. Por outra banda, os pensionistas; persoas con diversidade física ou psíquica igual ou superior ao 33% e aqueles usuarios de asociacións dedicadas á atención a persoas con diversidade intelectual ou física, sen ánimo de lucro e declarada de utilidade pública emprazada no Concello de Barbadás pagarán un importe de 0,70€.

A solicitude deberá presentarse antes do vindeiro 17 de agosto e, no trámite, o interesado terá que proporcionar unha copia do DNI, NIE ou pasaporte, a copia da tarxeta do transporte de Galicia e o volante de empadroamento no caso de non dar permiso para comprobar os datos persoais no padrón municipal. Segundo o tipo de bonificación social, os estudantes terán que presentar unha copia da matrícula; os pensionistas o Certificado da Seguridade Social; as persoas con diversidade o certificado expedido polo Equipo de Valoración e Orientación da Xunta (EVO) e os usuarios de asociacións beneficiarias, o certificado pertinente.

 

Artigos relacionados

Back to top button