EconomíaEconomíaÚltima hora

Novas liñas de apoio para a reactivación do comercio, autónomos e Pemes

 

Actívanse tres novas liñas de apoio á dixitalización do comercio, o colectivo autónomo e as pequenas e medianas empresas por 16 millóns de euros para facilitar a súa adaptación á situación derivada da covid-19 e, polo tanto, a reactivación do tecido produtivo galego.

Así a partir de mañá, tal e como aparece publicado neste xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG), poderanse solicitar as axudas do programa dos cheques de dixitalización e do Galicia Exporta Dixital, aos que o goberno galego destina nestas convocatorias 7 e 3,6 millóns de euros, respectivamente. Ademais, a próxima semana activarase unha nova convocatoria das axudas á dixitalización, dotada con 5,4 millóns de euros.

As dúas liñas publicadas hoxe, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, están dirixidas a impulsar os procesos de dixitalización máis axeitados que permitan ao comercio, autónomos e ás pequenas e medianas empresas reforzar a súa actividade, segundo informa a Consellería de Economía.

Así, mentres o Galicia Exporta Dixital, que por primeira vez tamén se abre ao sector do comercio, promove a súa expansión internacional a través de novas canles de comercialización a partir de ferramentas dixitais innovadoras, os cheques de dixitalización teñen en conta de maneira especial as necesidades do tecido empresarial situado no ámbito rural, a economía social e o impulso do traballo a distancia.

Destinado a microempresas, entidades de economía social e agrupacións empresariais, o programa de cheques de dixitalización achegará axudas do 80% dos investimentos realizados por proxectos que teñan como obxecto a implementación de tecnoloxías dixitais para a adaptación á situación provocada pola covid-19, como o teletraballo, as solucións de conectividade no eido rural, ou sistemas de notificación e de control sanitario e aforo, entre outros mecanismos.

Neste sentido, as axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e os gastos realizados deberán ser dun mínimo de 1500 euros e un máximo de 12.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde mañá ata o vindeiro 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito.

Internacionalización

No que respecta ao Galicia Exporta Dixital, a convocatoria que se abre hoxe conta cunha dotación de 3,6 millóns de euros, que se suman aos 2 millóns de euros da convocatoria anterior tamén activada este ano.

Esta nova edición incorpora como novidade destacada que os comercios polo miúdo poderán acollerse ás axudas. Así, pemes e comerciantes poderán obter apoios para a realización de diagnósticos de potencial exportador; plans de internacionalización dixital multicanle; plans de mercados electrónicos concretos; a creación e adaptación de tendas en liña e catálogos en liña para o márketing e vendas en mercados electrónicos obxectivo ou a adquisición de software específico, entre outros.

As axudas, en concorrencia non competitiva, achegarán o 80% dos investimentos realizados e o prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde mañá ata o vindeiro 30 de novembro ou ata o esgotamento do crédito.

Artigos relacionados

Back to top button