PolíticaÚltima hora

As Novas Xeracións da capital elixen a Sergio Rodríguez como presidente

Neste congreso local tamén nomearon a Roberto Bermúdez presidente de honra das Novas Xeracións da provincia
O Congreso celebrouse no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

As Novas Xeracións de Ourense celebraron o seu congreso local de Ourense hoxe, 7 de xullo, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, no que elixiron a Sergio Rodríguez Álvarez como presidente.

Diante dunha representación da organización xuvenil e de cargos do PP ourensán, o recén elixido presidente da agrupación local, Sergio Rodríguez (Ourense, 1996) tivo palabras de agradecemento para todos os compromisarios que lle apoiaron, para o presidente saínte, José Estévez e mailo presidente provincial de Novas Xeracións, José Antonio Parente.

Rodríguez Álvarez comprometeuse a traballar “en positivo para Ourense nun escenario político pouco construtivo, cun proxecto galeguista e centrista como o que representa o PP”. Tamén en clave política dixo estar a disposición de todos os afiliados, dos representantes dos diferentes distritos da capital e dos concelleiros populares “porque para nós o proxecto de Jesús Vázquez é o que verdadeiramente necesita esta cidade”. Entre os seus obxectivos citou “traballar para os todos os mozos desta cidade, facendo énfase no ámbito universitario, nos mozos que están a procurar traballo e aqueles que están a pasar por maiores dificultades”.

Manuel Baltar e Jesús Vázquez acudiron ao congreso.

Pola súa banda, o presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar pediulles “autenticidade e espontaneidade política” aos mozos da agrupación local. Nesta apertura do congreso, Baltar reclamou aos mozos “ideas propias para aplicar nos territorios onde desenvolvedes o voso labor político”, destacando que “todo parte da premisa de crer en Ourense e saber cara onde queremos ir, o que permite imaxinar, innovar, planificar e xestionar”.

O presidente provincial repasou os últimos éxitos alcanzados polo PP nas últimas convocatorias electorais para afirmar que nas municipais de 2019 os populares tamén conseguirán un novo éxito “porque a diferenza doutras formacións, nós estamos sempre activos, ao carón de xente e conxugando o verbo escoitar”. Un traballo no que os mozos de Novas Xeracións terán un destacado papel, dixo, lembrando “que en todas e cada unha das candidaturas que presentemos ás eleccións locais será obrigatorio contar con xente moza, porque sodes os que estades a construír o país”.

 

Na clausura do congreso interviron o presidente nacional e autonómico de Novas Xeracións, Diego Gago, o presidente provincial da organización, José Antonio Parente, e o presidente da xunta local do PP de Ourense, Jesús Vázquez, que tiveron palabras de recoñecemento para o equipo saínte e pediron o compromiso do nova directiva para demostrar que a mocidade tamén pode compatibilizar formación e traballo coa vocación política.

O encontro finalizou co anuncio do nomeamento de Roberto Bermúdez como presidente de honra de Novas Xeracións na provincia.

Artigos relacionados

Back to top button