EconomíaEconomíaÚltima hora

Nove proxectos valdeorreses para reducir a exposición dos traballadores ao po de sílice na lousa recibirán axudas

Dos 11 proxectos autorizados na provincia de Ourense, nove vanse levar a cabo en empresas da comarca (8 no concello de Carballeda de Valdeorras e 1 en Vilamartín)

 

Nave do sector da lousa en Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de resolver a nova liña de axudas activada este ano para mellorar as condicións ambientais e laborais das explotacións mineiras da Comunidade galega. A provincia de Ourense acaparou o 63,3% das axudas concedidas, apoios que suman máis de 1,1 millóns de euros a once empresas ourensás do sector para loitar contra a incidencia do po mineiro e que mobilizarán máis de 2,4 millóns de euros.

Esta liña de axudas naceu co obxectivo de favorecer a aplicación de tecnoloxías novidosas e implantar as mellores técnicas dispoñibles contra o po, tendo en conta o seu influxo tanto no contorno coma na saúde dos traballadores. Dos 11 proxectos autorizados na provincia de Ourense, 9 se van desenvolver por empresas emprazadas na comarca de Valdeorras (8 no concello de Carballeda de Valdeorras e 1 en Vilamartín de Valdeorras).

As dúas actuacións restantes executaranse en industrias de Toén e Padrenda. A totalidade dos proxectos prevén investimentos para reducir a exposición ao po de sílice dos traballadores, con axudas de ata un máximo de 200.000 euros. Na concesión destas axudas, valoráronse o tipo de investimento, o grao de exposición do posto de traballo, a porcentaxe de traballadores do centro beneficiados coa actuación e o tipo de empresa.

Segundo se indica dende a Xunta, trátase de promover o desenvolvemento sustentable deste sector que constitúe un importante motor económico para as zonas onde se leva a cabo esta actividade de importante impacto socioeconómico, a nivel de produción industrial e na actividade exportadora, e na que a comarca de Valdeorras ten un papel destacable.

No conxunto da comunidade galega, ao abeiro desta convocatoria, aprobáronse 18 proxectos que recibirán axudas por un importe de preto de 1,8 M€ que mobilizarán máis de 3,7 M€. Ademais das 11 empresas ourensás, resultaron beneficiadas 4 luguesas, 2 pontevedresas e 1 coruñesa. Os incentivos por unha parte, dirixiranse a investimentos para a mellora da calidade do ambiente atmosférico mediante a redución de emisións de po nas explotacións mineiras activas. O segundo obxectivo está destinado a actuacións para a redución da exposición ao po dos traballadores, constituíndo a finalidade da gran maioría dos proxectos autorizados, un total de 16.

Artigos relacionados

Back to top button