EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

Novidoso sistema de recepción de uva na adega Joaquín Rebolledo da Rúa

Vén de poñerse en marcha nesta vendima e incorpora, entre outros elementos, unha bomba lobular

 

Optimizar a loxística na recepción de uva, facer máis eficiente o traballo na adega e, sobre todo, mellorar a calidade do viño. Con estas pretensións a adega Joaquín Rebolledo da Rúa vén de implantar nesta vendima un novidoso sistema de recepción de uva nas súas instalacións. A uva segue recolléndose na viña en pequenas caixas e logo é trasladada a unha das instalacións da adega, onde se baleiran en “palós” cunha capacidade de 200 quilos. Isto evita que se dane a uva e, ao mesmo tempo, protexe o entorno da adega de elementos extraños da viña.

“Este ano, dedido ao Covid, traballamos en pequenos grupos burbulla, os da viña non entran na adega, entón digamos que o nexo de unión entre ambos, o elemento crítico, son as caixas que se manipulan na viña e logo chegan á adega. Entón, co uso dos palós, que non estamos manipulados por xente da viña, e que se manexan mecanicamente, protexemos a adega. É un sistema mixto”, explica José Ramón Rodríguez, dende a adega Joaquín Rebolledo, que se converte así nunha das primeiras adegas de Valdeorras en implantar os palós.

 

 

Pero o seu novo sistema vai máis aló e implica unha mellora substancial do traballo en adega. “O sistema consiste nunha tolda pequeniña para que a uva non se machaque moito, nunha mesa de selección vibratoria que vai empurrando a uva moi suavemente cara diante, e logo, tamén mercamos unha prensa suíza nova moi específica para os viños de moi alta calidade, entón iso permítenos mellorar todo o que é proceso de recepción e prensado de uva”, comenta José Ramón Rodríguez.

Isto acompañado, ademais, dunha bomba lobular, que permite mover o viño a moi baixas revolucións. “Como moito traballa a 500 revolucións por minuto, co cal acaricia o viño e isto nos remontados do tinto pois supón unha mellora espectacular”, resalta o representante da adega.

A implantación deste novo sistema ten suposto un esforzo de adaptación, nunha campaña ademais complicada polas medidas anticovid, pero o balance é moi positivoo. “Os resultados están sendo moi bos é un cambio espectacular”, destaca José Ramón Rodríguez.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button