Novo acordo entre a Xunta, a Fegamp e Seaga para prevención de incendios forestais nas aldeas

Asinan unha addenda cuxa principal novidade é que se vai prestar apoio técnico, por parte da Administración galega, ao cen por cento dos concellos adheridos para que elaboren os seus plans municipais de defensa contra incendios

Sinatura do acordo de colaboración.

Nesta mañá vén de asinarse unha addenda ao convenio ao convenio sobre prevención e defensa fronte os incendios forestais nas aldeas galegas. No acto participaban o conselleiro do Medio Rural, José González, o director xerente de Seaga, Pablo Arbones, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde do Barco, Alfredo García.

“A principal novidade introducida no acordo inicial é que se vai prestar apoio técnico, por parte da Xunta, ao cen por cento dos concellos adheridos para que elaboren os seus plans municipais de defensa contra incendios, con ferramentas administrativas e informáticas específicas”, segundo se destaca dende a Xunta.

Polo demais, mantense o contido inicial do convenio no que atinxe ás actuacións materiais de limpeza de matogueira, que se farán entre maio e xuño, é dicir, antes da época de alto risco de acordo cunha planificación anual en función de criterios de prioridade (por risco de lumes).

Así, a Xunta, en colaboración con Seaga e a Fegamp, prevé actuar para previr incendios nunhas 700 aldeas de 68 parroquias de toda a comunidade autónoma no período 2019-2022 mediante a xestión da biomasa nas faixas secundarias, é dicir, aquelas próximas aos núcleos de poboación. Terán prioridade aquelas áreas con maior problemática incendiaria, que foron escollidas consonte a uns criterios obxectivos relacionados coa virulencia dos lumes, coa superficie afectada, co risco de ocorrencia de incendios e cos medios e a planificación adoptada para facerlles fronte. Así, está previsto actuar nunhas 4.500 hectáreas este ano, ata chegar a unhas 16.000 ao remate do período.

Deste xeito, diante dunha faixa situada nun concello adherido ao sistema, se hai un propietario coñecido e este se incorpora ao sistema público, Seaga procederá á xestión da biomasa, pagando o titular do terreo unha tarifa uniforme fixada por hectárea de 350 euros.

 

O conselleiro do Medio Rural, intervindo tras a sinatura, xunto ao presidente da Fegamp e ao director xerente de Seaga.

Execución subsidiaria

Pola contra, se o propietario non se adhire ao sistema e non cumpre coa xestión da biomasa, debe facerse un requirimento por parte do concello, para que proceda á limpeza da faixa de xeito subsidiario. Todas as accións para facer posible o cumprimento da xestión a través da execución subsidiaria que ordena o municipio execútaas Medio Rural a través de Seaga. No caso de non haber propietario coñecido, a Xunta asume todas as actuacións necesarias para levar a cabo a execución subsidiaria, a través de Seaga (incluíndo a publicación dun anuncio no DOG cos datos da parcela en cuestión).

Ademais, en virtude desta addenda introducida no convenio, o goberno galego ofrecerá aos municipios unha plataforma para a xestión da biomasa, de forma que mediante un programa informático se axilizará e se simplificará a xestión de todos os requirimentos e notificacións que os concellos teñan que facer aos veciños en cumprimento das súas obrigas ao respecto.

Outras medidas serán a implementación dun visor a través do cal os concellos adheridos disporán da información correspondente ás faixas secundarias e das parcelas que as conforman. Tamén, a colaboración cos concellos para a realización dun manual básico de procedemento no que se incluirán os modelos da documentación, así como esquemas e diagramas que lles clarifiquen a planificación e a execución das súas competencias. Do mesmo modo, prestaráselles cooperación técnica para elaborar os modelos de notificacións e comunicacións que deben ser enviadas ás persoas responsables polos concellos.

Unha vez acometida a limpeza das franxas, a Consellería do Medio Rural promoverá a implantación de actividade agro gandeira nas parroquias seleccionadas, coa finalidade última de que que se poidan manter en condicións sen necesidade dunha nova limpeza. Así, con ese obxectivo, esta addenda contempla a posta en marcha de proxectos piloto públicos ou privados de mobilización de terras nas faixas secundarias de xestión da biomasa, coa finalidade de implantar actividade agrogandeira nelas e que se manteñan limpas e actúen como devasa natural fronte os incendios.

Aldeas modelo

Tamén se incorpora como novidade no convenio a inclusión para a súa limpeza dun total de 40 “aldeas modelo” situadas fóra das parroquias seleccionadas. Nestes núcleos, escollidos cos criterios fixados conxuntamente coa Fegamp, a empresa Seaga fará a limpeza da totalidade do seu perímetro e realizará as tarefas complementarias que se requiran, co obxectivo de que nelas se implante obrigatoriamente actividade agrogandeira.

O propio conselleiro e o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, explicarán os detalles desta addenda aos alcaldes de toda Galicia en varias xuntanzas nas delegacións da Xunta nas catro provincias, que terán lugar mañá e pasado.

 

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies