SanidadeÚltima hora

O novo Centro de Saúde de Paderne de Allariz custará 636.440 euros

O prazo de execución é de nove meses e o edificio constará dunha única planta con tres salas de consulta

Avances no novo Centro Saúde de Paderne de Allariz. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presentou hoxe, 7 de novembro, o proxecto desta nova instalación sanitaria que conta cun orzamento de 636.440,26 euros e ten un prazo previsto de execución de nove meses.

O conselleiro remarcou que dende o departamento que dirixe “se lle outorga especial importancia á Atención Primaria, buscando mellorar as condicións dos profesionais e posibilitando que os veciños reciban o mellor servizo sanitario”.

A nova edificación vaise construír nunha parcela de 2.255 metros cadrados, no lugar de Toxeiras, a uns 150 metros en liña recta do actual centro de saúde, que ten unha superficie de 261 metros cadrados. O novo edificio terá una superficie construída de 393,05 metros cadrados o que supón un incremento de 132,05 metros cadrados, un 50,59% máis respecto ao espazo actual.

Este futuro centro de saúde constará dunha única planta baixa, con tres zonas diferenciadas. Por un lado estará a zona sanitaria, que ocupará a parte central da construción e que será de maior tamaño. Á súa dereita estará a zona de persoal e á esquerda a das instalacións.

O acceso ao centro será a través dun gran porche que permite a espera dos pacientes en caso de choiva. Unha vez dentro, á esquerda, atoparase a sala de espera da recepción e un espazo para padiolas e cadeiras de rodas. Xusto ao final deste espazo, haberá un acceso a zona de instalacións a través dun falso patio. De seguido atoparase a recepción, os aseos para acceso do público e unha sala de espera con grandes cristaleiras. Fronte á sala de espera estarán a sala de consulta médica, a de consulta de enfermería e a de consulta polivalente. No exterior haberá unha zona de aparcamento con capacidade para once prazas, dúas delas para persoas con discapacidade.

Artigos relacionados

Back to top button