SanidadeÚltima hora

O novo edificio do CHUO xa está operativo tras o traslado dos últimos pacientes

A entrada polo Hospital Cristal segue operativa e a entrada do novo edificio, pola rúa Cruceiro Quebrado, estará aberta a partires da xornada de mañá
Entrada ao novo edificio de Hospitalización. // Foto: Carlos Asensio.

Co traslado na tarde de hoxe, 9 de novembro, dos pacientes ingresados nos Servizos de Neumoloxía, Hematoloxía e Endocrinoloxía quedan xa totalmente operativas as plantas 4ª, 5ª e 6ª e 7ª, do novo Edificio de Hospitalización do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, segundo afirman fontes do CHUO, polo que para facilitar o acceso de usuarios e visitantes abrirá hoxe súas portas, permitindo desde mañá o acceso de vehículos desde a rúa Cruceiro Quebrado.

Ademais deste acceso para deixar o recoller visitantes ou pacientes ingresados no novo edificio, para facilitar a orientación entre as distintas áreas de hospitalización, manterase o acceso actual, pola entrada principal do Cristal, exclusivamente para acceder ás plantas de hospitalización do Cristal e do Materno Infantil. Distribuíndo deste xeito o fluxo de persoas, para evitar molestias aos pacientes e limitar o tránsito polas plantas, como se viña facendo ata agora de xeito provisional.

Na mesma liña, o tráfico de vehículos, polo interior do recinto hospitalario, mantense como ata agora, no que atangue aos edificios Cristal, Materno e Santa María Nai, mentres que o novo acceso rodado ao novo edificio desde a Rúa Cruceiro Quebrado, que se abre mañá, terá sentido único con saída á Rúa Ramón Puga, rodeando o Edificio Cirúrxico polo víal interno.

Co traslado desta tarde, serán xa preto de 300 pacientes os que ocupan as novas instalacións, en concreto, os de Medicina Interna, Neuroloxía, Neurocirurxía, Hematoloxía, Endocrino e Neumoloxía.

Operativo de traslado

Para garantir as máximas medidas de seguridade e eficiencia, mantendo a plena normalidade asistencial no resto de unidades e servizos, no operativo desta tarde, participarán ao redor de corenta profesionais, que formarán parte dos equipos multidisciplinares de entrega, traslado e ingreso dos pacientes e atención aos seus achegados.

Asemade  os equipos contarán co apoio de  equipos de Primeira e Segunda Intervención, con equipamento de emerxencia para atender calquera incidencia.

Traslados e novas ubicacións

Os pacientes de Neumoloxía trasladaranse desde súa actual ubicación, na terceira dereita do Edificio Cristal, ata a cuarta planta Sur. A esta mesma planta, na ala Norte, trasladanse tamén os pacientes de Endocrinoloxía e, posteriormente, os de Hematoloxía, desde a novena planta do Materno, ata a sétima Sur do novo edificio.

Xunto con este traslado, e conseguinte apertura da porta principal do novo edificio, tamén se habilita un novo punto de Información, situado na planta baixa, co obxectivo de facilitar a orientación ou acompañamento aos pacientes e visitantes destas áreas de hospitalización. 

Ademais de a todo o persoal implicado nos traslados, dende a Xerencia agradecen e destacan “a gran labor realizada polos profesionais dos distintos servizos, na procura de levar a bo termino este proceso, que se desenvolve sen incidentes, pese a súa complexidade, e rematará este mesmo mes de novembro co traslado do resto de servizos que está previsto se sitúen nel”.

Artigos relacionados

Back to top button