CulturaCulturaÚltima hora

Novo encontro de asociacións veciñais da Ribeira Sacra, o 23 de abril en Pantón

 

Tras a boa acollida do primeiro encontro de asociacións veciñais, culturais e de montes da Ribeira Sacra, celebrado o pasado 12 de marzo en Vilachá de Salvadur (A Pobra do Brollón), continúan os traballos en común. Desta vez a nova reunión está prevista no Centro Social de Tuiriz (Pantón) o día 23 de abril ás 11h.

“Desta maneira dase continuidade aos acordos tomados o pasado 12 de marzo nos cales se avanzaron liñas de traballo para coordinar unha voz común do movemento veciñal e tamén para recoller propostas de mellora ou de reflexión sobre a candidatura da Ribeira Sacra á UNESCO. As asociacións amosaron a súa vontade de afondar na posible creación dunha coordinadora para dotar dunha estrutura interna e de reiterar a súa vontade de colaborar na candidatura”, indican os promotores do encontro.

Para esta xuntanza agárdase a participación de asociacións da provincia de Ourense, que non estiveran presentes no primeiro encontro. O propósito dos impulsores é incorporar máis voces para chamar a atención da Xunta de Galicia e das deputacións para que teñan en conta a opinión da veciñanza. Tamén se recibiron novas adhesións de asociacións veciñais e de montes da zona de Lugo.

 

 

 

Ademais, na semana previa a Semana Santa máis dunha vinteina de asociacións entregaron por rexistro da Xunta un escrito con cinco puntos, que ían dende a necesidade de corrixir “erros cartográficos aínda presentes no proxecto á UNESCO até a convocatoria do Consello de Parroquias e da Mesa Interdepartamental”. As asociacións din que, “por agora, non recibiron resposta de ningunha institución pero agardamos a que nestas vindeiras semanas haxa algún tipo de reacción por parte destas institucións. Os colectivos tamén se dirixiron á Deputación de Lugo, co mesmo documento pero solicitando un encontro ou a apertura dun diálogo para que, como institución participante, tamén teña en conta e coñeza de primeira man a opinión da veciñanza ribeirá”.

Artigos relacionados

Back to top button