SanidadeÚltima hora

Novo microscopio cirúrxico no servizo de Neurocirurxía do CHUO

O novo equipo está dotado dun módulo de fluorescencia tumoral, co que tan só contan un reducido número de hospitais en España
O servizo de Neurocirurxía do CHUO, co novo microscopio.
O servizo de Neurocirurxía do CHUO, co novo microscopio.

O servizo de Neurocirurxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) dispón dun o novo microscopio cirúrxico. Trátase dun equipo dotado dun módulo de fluorescencia tumoral (co que tan só contan un reducido número de hospitais en España), que representa un gran avance na delimitación e resección de tumores cerebrais, especialmente dalgúns dos mais frecuentes e agresivos como os glioblastomas. Neste equipamento a Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense vén de investir 230.000 euros.

Para a xefa do servizo de Neurocirurxía, Ana Pastor, a nova funcionalidade tumoral, supón unha ferramenta moi útil na complexa abordaxe cirúrxica destes tumores, facilitando o complexo e laborioso proceso de desbridado, axudando ao neurocirurxán a diferenciar o tecido san do tumoral, xa que este absorbe unha tinción visible grazas ao módulo de fluorescencia do microscopio.

Así, antes da intervención, ao paciente administráselle por vía oral un “contraste” ou precursor natural, disolto en auga e totalmente inocuo, que só é absorbido polas células cancerosas, e que ao sintetizarse, se converte nunha substancia fluorescente. Desa maneira, ao aplicar unha luz especial durante a cirurxía, as células tumorais adquiren un ton fluorescente que axuda ao cirurxán a diferenciar o tecido san do tumoral, e extirpalo con maior precisión, minimizando danos e ampliando seu tempo de supervivencia ou a calidade de vida desta.

Este novo equipo ten dous visores, con rotación de 360 grados, que permiten interactuar co mesmo nivel de visibilidade a dous cirurxáns, e ademais a imaxe do microscopio reflíctese nunha pantalla de gran formato e alta definición, replicando a visión dos interviñentes a todo o persoal en quirófano, mellorando, dese xeito, a coordinación do traballo de todo o equipo.

Ademais das súas prestacións cirúrxicas, o microscopio permite a toma de imaxes de gran calidade e a gravación en vídeo HD, polo que será, segundo adianta o Sergas, unha ferramenta básica de docencia e formación, combinada coa dotación dos quirófanos intelixentes do CHUO, que permiten a retransmisión en tempo real ás aulas docentes.

Artigos relacionados

Back to top button