ConcellosÚltima hora

Novo premio para a biblioteca de Verín

Por sexto ano consecutivo recibe o galardón na Campaña de Animación á Lectura María Moliner
Interior da Biblioteca Pública Municipal de Verín.
Interior da Biblioteca Pública Municipal de Verín.

O seu labor segue sumando recoñecementos. Por sexto ano consecutivo, a Biblioteca Pública Municipal de Verín vén de ser distinguida na ‘XVI Campaña de Animación á Lectura María Moliner’, co proxecto “Voluntariado cultural para o fomento da lectura”. Por este premio recibirá un lote bibliográfico composto por 180 libros infantís e xuvenís, seleccionados entre as novidades de cada ano, segundo se informa dende o Concello de Verín.

Este certame está dirixido aos municipios de menos de 50.000 habitantes para premiar os mellores proxecto que inclúan accións de animación á lectura, eficiencia e labor bibliotecaria, integración social na comunidade así como a utilización das novas tecnoloxías. A Campaña de Animación á Lectura está organizada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte coa Federación Española de Municipios e Provincias, coa colaboración da Fundación Coca-Cola Juan Manuel Sáinz de Vicuña. Nesta edición resultaron premiados un total de 300 proxectos, que recibirán lotes bibliográficos, ademais os tres mellores proxectos reciben premios en metálico de 12.000 euros. Nesta ocasión foron tres as bibliotecas galardoadas na provincia de Ourense: Muíños, Pereiro de Aguiar e Verín.

Exterior da biblioteca de Verín.
Exterior da biblioteca de Verín.

No caso de Verín, o proxecto “Voluntariado cultural para o fomento da lectura” recollía todos os actos previstos no 2014, no que se programaron un total de 51 actividades (aínda que ao final resultarán máis) culturais e lúdicas, para nenos/as con idades comprendidas entre os 3 e 9 anos, e adultos, efectuadas por persoal da instalación e voluntarios/ as, con idades que oscilan entre os 10 e 67 anos, segundo indica o Concello. Entre as mesmas figuran contacontos e manualidades, Bibliopiscina, exposicións, presentacións de libros, BiblioRúa, concursos de narrativa e patrimonio, cursos de informática, encontros con escritores, videoconferencias ou visitas guiadas para centros educativos.

Artigos relacionados

Back to top button