En portada

Novo recibo para os usuarios

13.000 valdeorreses pagarán a nova taxa de depuración aprobada polo Consorcio de Augas de Valdeorras
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

A primeiros de xuño comezaban a chegar aos domicilios valdeorreses as notificacións de alta dunha nova taxa para a depuración de augas. Remitíaas a Deputación de Ourense. Tras a sorpresa inicial, chegaban a confusión, as dúbidas e moitas preguntas nos concellos, así como longas colas na oficina do Consorcio de Augas de Valdeorras (situada no Barco), en Correos (xa que as notificacións chegan con acuse de recibo e hai que asinalas) e tamén en Novagalicia Banco, que é a única entidade na que se pode abonar o recibo. A maior parte da poboación descoñecía a nova imposición e tamén a finalidade da mesma.

A Ordenanza fiscal reguladora desta taxa, pola que se estima que tributarán uns 13.000 usuarios da comarca, resultaba aprobada o 20 de novembro do pasado ano polo Consorcio de Augas de Valdeorras, que preside José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense. O consorcio nacía en outubro do 2012 como un proxecto piloto promovido pola Deputación e del forman parte, ademais deste organismo, os nove concellos da comarca (O Barco, Rubiá, Vilamartín, A Rúa, Petín, Larouco, O Bolo, A Veiga e Carballeda de Valdeorras) e o ente público empresarial Augas de Galicia. O seu obxecto principal é a “ordenación e a xestión, por delegación dos concellos que o integran, dun servizo intermunicipal de depuración de augas residuais, que comprenderá o exercicio de todas as competencias municipais na materia para a totalidade dos termos municipais de referencia”, segundo consta no seu decreto de constitución (DOG do 24 de outubro do 2012).

Así o ámbito deste organismo abrangue “a depuración de todas as augas residuais que se vertan ás actuais infraestruturas municipais de depuración a través das correspondentes redes públicas de saneamento, así como a depuración das augas residuais que se reciban nas foxas sépticas de titularidade municipal”. E entre as súas competencias figuran as de xestión tributaria e recadación do coeficiente de vertedura. Pero a Deputación asumía a competencia de xestión tributaria e recadación da taxa por depuración e aprobaba en decembro un convenio de cooperación co Consorcio de Augas de Valdeorras para “a prestación de asistencia técnica, xurídica e administrativa na xestión do servizo intermunicipal delegado de depuración de augas residuais de Valdeorras”.

Texto: Ángeles Rodríguez
(A información íntegrada pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button