OurenseÚltima hora

Novo récord para a San Martiño con máis de 11.000 inscritos

A cidade de Ourense prepárase para a súa carreira estrela que arrancará ás 11 horas do domingo 15 de novembro
Participantes na carreira do San Martiño de Ourense cruzando a Ponte do Milenio. /Foto: Carlos G. Hervella.
Participantes na carreira do San Martiño de Ourense cruzando a Ponte do Milenio. /Foto: Carlos G. Hervella.

A 39ª carreira do San Martiño que se celebrará mañá polas rúas da cidade das Burgas, será a proba popular pedestre “máis populosa” dos últimos anos. Así o aseguraban dende o Concello de Ourense ao pechar o prazo de inscricións cun novo récord: 11.716 persoas anotadas (un 8% máis que na edición anterior).

Segundo os datos da organización (Consello Municipal de Depeortes de Ourense) as franxas de idade que máis medran en participación son as máis temperás. Na categoría de Cativos (nados en 2007 e anos posteriores), anotáronse 2.337 rapaces, 300 máis que en 2014, que deberán cubrir unha distancia de 1.400 metros con saída prevista para as 13:15 horas. Con antelación, ás 12:30 horas, sairán os 4.013 participantes da categoría Escolar (nados entre os anos 1999 e 2006), 252 máis que en 2014, para cubrir os 4.700 metros de distancia.

Na categoría Absoluta (nados do ano 1998 e anteriores), inscribíronse 5.366 corredores que sairán ás 11 horas e percorrerán unha distancia de 10 quilómetros.

A carreira está homologada pola Federación Española de Atletismo, e a saída producirase desde a Ponte do Milenio. A meta estará situada no pavillón dos Remedios e, como novidade máis importante nesta edición, na categoría de adultos haberá códigos de cores coas diferentes marcas persoais.

Haberá trofeos e premios económicos para os tres primeiros atletas de cada categoría, incluíndo un exclusivo para cidadáns de Ourense, e premios en material escolar para os colexios mellor clasificados. Igualmente, haberá un premio de 500 euros para quen bata o récord da San Martiño (establecido desde 2010 en 28:49 minutos en categoría masculina e 32:45 minutos en feminina), e tamén para os máis rápidos nos 5 quilómetros.

Artigos relacionados

Back to top button