Seleccionar e clasificar de xeito automático as placas de lousa. É algo no que se centra a tese de doutoramento que está a realizar na Universidade de Vigo a enxeñeira de Minas Carla Iglesias. No seu traballo describe un novo sistema de visión artificial e aprendizaxe automática capaz de analizar as placas e decidir a súa calidade comercial, froito do cal se obtivo o Modelo de utilidade ES-1093606_U Sistema para a caracterización de placas de pizarra.
Partindo dun primeiro prototipo desenvolvido en 2010, nesta ocasión fixéronse importantes melloras en canto á portabilidade e adaptabilidade desta nova tecnoloxía, todo isto cun sistema cuxo núcleo é unha cámara que recolle a información da cor, monocromo e superficial (3D) das placas, e un software que analiza as imaxes na procura dos defectos máis habituais e determinantes das placas de lousa: faltas de material, mal escuadrado, irregularidades superficiais e presenza de carbonatos e sulfuros, segundo se informa dende a Universidade de Vigo. Tras ser detectados os defectos, o programa decide a “calidade comercial correspondente empregando técnicas matemáticas avanzadas”, explica a investigadora, quen destaca as vantaxes deste novo sistema.