SanidadeÚltima hora

Novo TAC para o Hospital de Verín que entrará en funcionamento en setembro

A adxudicación deste contrato permitirá renovar un equipo que contaba xa con máis de 10 anos de antigüidade

 

A Xunta de Galicia vén de publicar a resolución do proceso de contratación co que adquiriu por 301.108 euros un novo equipo de tomografía axial computerizada (TAC) para o Hospital Público de Verín. Este novo equipo está destinado a renovar a tecnoloxía xa dispoñible no hospital que xa contaba cunha antigüidade superior aos 15 anos.

O contrato de adxudicación fixaba un prazo de cinco meses para a entrega deste equipamento, pero neste caso será o Hospital Público de Verín o primeiro centro sanitario de Galicia no que se instalará un dos novos TACs xa que ten data de chegada a finais deste mes ao Servizo de Radioloxía e preves a súa entrada en funcionamento a mediados do mes de setembro despois das reglaxes, calibracións e a formación do persoal correspondente.

Este novo TAC (Siemens Somaton go Top Cardio) permitirá realizar unhas exploracións cunha excelente calidade de imaxe, con doses moi baixas de radiación e cunha gran velocidade na realización das probas, reducindo a aparición de artefactos xerados (distorsión da imaxe) e dispoñendo dun tubo curto cunha ampla abertura, para reducir a sensación de claustrofobia nos pacientes.

Este investimento entra dentro dos que está a tramitar a Xunta este ano, por valor de máis de 60 millóns de euros destinados a canalizar os fondos Next Generation da Unión Europea para a renovación de equipamento sanitario. A través deles abordou a renovación dos TACs dos sete hospitais comarcais galegos.

 

 

Equipamento hospitais comarcais

Esta nova adxudicación demostra tamén a aposta que está a levar a cabo a Xunta polo equipamento dos propios hospitais comarcais. A esta renovación dos TACs súmase á dotación de máis equipamento propio, como os equipos radiocirúrxicos mercados en 2021 cun investimento de 4,3 millóns, dos que sete foron para os hospitais comarcais.

Tamén o ano pasado a Xunta destinou seis millóns de euros para a subministración de ecógrafos para os servizos de radiodiagnóstico e urxencias. Deles, nove distribuíronse nos hospitais comarcais. Neste plan de renovación e modernización tecnolóxica, a Xunta tamén adxudicou por 1,4 millóns de euros a renovación das lámpadas cirúrxicas dos quirófanos. Nesta licitación están incluídos igualmente os hospitais comarcais.

Con todo este investimento, a Xunta consolida a equidade no acceso á alta tecnoloxía e á mellora da calidade asistencial e a seguridade dos pacientes e profesionais tamén nos hospitais comarcais, que contan con magníficos profesionais que poden empregar toda esta tecnoloxía ao servizo da cidadanía.

Artigos relacionados

Back to top button