OurenseÚltima hora

Novos dispositivos de control ante as restricións da mobilidade en Verín, Oímbra e Vilardevós

O Centro de Coordinación reuníase hoxe para coordinar a participación e a actuación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, así como a colaboración co corpo de Policía Local do concello de Verín ante a entrada en vigor das novas medidas a partir das 00h. do 22 de outubro

Imaxe da reunión do CECOR.

 

O Centro de Coordinación (CECOR), presidido polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, reuniuse hoxe para coordinar a participación e a actuación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, así como a colaboración co corpo de Policía Local do concello de Verín ante a entrada en vigor a partir das 00h. do xoves, 22 de outubro, de medidas restritivas da mobilidade adoptadas pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia debido á evolución do Covid-19 nos municipios de Verín, Oímbra e Vilardevós.

Na reunión, celebrada na Subdelegación do Goberno, participaron a secretaria territorial da Xunta de Galicia, Silvia Dorado Morales; o tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Rafael López Pinel; o comisario xefe do Corpo Nacional de Policía, Juan Carlos Blázquez Hernández; o xefe da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma, José Antonio Pérez Estévez; o representante da Policía Local de Ourense, José Luis Rodríguez Estévez; o xefe da Policía Local de O Carballiño, Francisco Valeiras Baranda; o xefe da Policía Local de Verín, Emilio Morillo Carballal; e o representante da Policía Local de Barbadás, Pedro Freire Guede.

Na xuntanza acordouse o establecemento de dispositivos de control para restrinxir a mobilidade na unidade perimetral composta polos tres concellos, tanto nas vías principais como nas vías secundarias, que se levarán a cabo de maneira coordinada entre efectivos da Garda Civil, do Corpo Nacional de Policía, da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma e do corpo de Policía Local de Verín. Unha vez que as medidas acordadas entren en vigor os seus habitantes non se poderán desprazar fóra deles, agás por motivos laborais, educativos e sanitarios.

254 dispositivos de control en Ourense, Barbadás, O Carballiño, O Irixo e Boborás

Así mesmo, na reunión fíxose balance das actuacións levadas a cabo polas forzas e corpos de seguridade do Estado e polos corpos de Policía Local de Ourense, Barbadás e O Carballiño entre o 16 de outubro e o 20 de outubro para a vixilancia e control do cumprimento das medidas restritivas da mobilidade nas unidades perimetrais dos concellos de Ourense e Barbadás e dos concellos de O Carballiño, O Irixo e Boborás.

Nesas datas leváronse a cabo 254 dispositivos de control nos que se identificou a máis de 12.800 persoas. A pesar do respecto maioritario, 430 vehículos foron retornados polas forzas e corpos de seguridade na unidade perimetral de Ourense e Barbadás e 65 na unidade perimetral de O Carballiño, O Irixo e Boborás por non poder acreditar suficientemente os motivos da viaxe.

44 propostas de sancións

Así mesmo, o subdelegado do Goberno informou dun total de 44 propostas de sanción por incumprimento das restricións á mobilidade e de 29 notificacións sobre infraccións da normativa sanitaria.

Na xuntanza acordouse o mantemento dos operativos de control conxuntos das forzas e corpos de seguridade do Estado, da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma e das policías locais de Ourense, Barbadás e O Carballiño mentres se manteñan as medidas acordadas pola Consellería de Sanidade.

Emilio González quixo trasladarlles ás forzas e corpos de seguridade unha vez máis o seu recoñecemento persoal e institucional polo esforzo e polo traballo que están levando a cabo no control e vixilancia do cumprimento das medidas restritivas da mobilidade que, coa entrada en vigor das novas restricións esta medianoite, afectarán ao 49% da poboación da provincia de Ourense.

O subdelegado do Goberno quixo manifestar o seu agradecemento pola colaboración da gran maioría da cidadanía e apelou “a non baixar a garda nos ambientes familiares e entornos sociais, mantendo a responsabilidade e conciencia social para reducir a propagación dos contaxios”.

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close