ConcellosEn portadaQuirogaÚltima hora

Novos pasos de cara á Denominación de Orixe Protexida Aceite de Quiroga

Cata de aceite de Quiroga./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Concello de Quiroga e a “Agrupación de produtores e envasadores de Aceite de Quiroga” siguen dando pasos para conseguir unha Denominación de Orixe Protexida Aceite de Quiroga. No ano 2019 esta entidade presentou unha solicitude para a tramitación dunha denominación de orixe protexida (DOP) co nome Aceite de Quiroga.

Despois de recibida esta solicitude a Xunta de Galicia encargou unha serie de estudos para avalala: caracterización sensorial dos aceites galegos identificando parámetros e detectando diferenzas con outros aceites, un estudo histórico sobre o aceite de Galicia que presta atención especial á zona de Quiroga por ser a de máis tradición oliveira de Galicia.

“Vistos estes estudos e a documentación presentada pola Agrupación, solicitouse un informe á Subdireción Xeral de Calidade Diferenciada e Agricultura Ecolóxica do Ministerio de Agricultura coa finalidade de que os seus técnicos avaliaran a documentación presentada. Neste departamento advertiron da necesidade de completar varias partes importantes”, tal e como informa o Concello de Quiroga.

Unha vez recibido este informe, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria remitiuno á agrupación quiroguesa sinalando os aspectos fundamentais que deberían ser reforzados, o Concello de Quiroga contactou co profesor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, José García Queijeiro, para redactar o documento único e o prego de condicións, pola súa ampla experiencia na tramitación de DOP e IXP.

Esta documentación, para completar o expediente de xeito definitivo, entregouse na Axencia Galega de Calidade Alimentaria, o pasado martes 23 de marzo, tal e como confirma o Concello de Quiroga.

Artigos relacionados

Back to top button