ConcellosEn portadaÚltima hora

Novos pasos de Ourense Norte Reacciona para desenvolver o proxecto de apoio a comerciantes e produtos locais

Os 16 concellos participantes nesta iniciativa valoran ademais solicitar un Plan de Sostibilidade Turística en Destino

 

O proxecto “Ourense Norte Reacciona”, que reúne a 16 concellos da provincia que apostan por captar fondos europeos de recuperación para dinamizar e impulsar o seu territorio, segue dando pasos. Tras poñerse en marcha o pasado outono lograban que, recén estreado este 2022, fose aceptada a súa primeira solicitude, presentada na liña de apoio comercial. Trátase dunha axuda de 299.346,96 euros para desenvolver un proxecto integral de apoio aos comerciantes e produtores locais dos 16 concellos agrupados: San Xoán de Río, Parada de Sil, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, A Teixeira, Montederramo, Esgos, A Rúa, Nogueira de Ramuín, Vilariño de Conso, Larouco, Petín, Xunqueira de Espadanedo, O Bolo, A Veiga e Viana do Bolo.

Neste 23 de febreiro alcaldes e representantes destes concellos reuníanse en Vilariño de Conso para avanzar no desenvolvemento desta iniciativa, que pretende dar resposta a dous grandes problemas: a mellora da competitividade e capacidade do tecido comercial e produtivo (a través dunha plataforma de comercio e técnicas dixitais e de marketing) e ao incremento da demanda interna de produtos (evitando que a poboación compre na capital da provincia) e a externa. Na reunión tamén participan os membros da consultora Auxers, especializada en financiamento público. A ela chegábase a través dun veciño de Castiñeiro (Río), Juan Carlos Pérez.

Para levar adiante este primeiro proxecto dispoñen dun prazo dun ano. Apóiase en dous piares. O primeiro deles será a creación dunha plataforma dixital na que todos os comerciantes e produtores locais expoñan os seus produtos e na que o conxunto da poboación os adquira. Por outra banda, está o deseño e posta en marcha dunha rede ecolóxica de distribución entre os 16 concellos para facilitar a compra de produtos.

 

Representantes dos concellos de “Ourense Norte Reacciona” asistentes ao encontro en Vilariño de Conso./ Cedida.

 

“Quero destacar o ambiente de cordialidade da reunión”, resalta o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez, “todos estivemos de acordo en dividir o proxeto en seis bloques de traballo, empezando pola cuestión de estudar a loxística e o tipo de marketplace, e os posibles puntos. Entón comezaremos polos estudos, concello a concello, vendo cos produtores a liña a buscar ou cales son os produtos aos que lle pode dar máis promoción. Unha vez feito isto, sacaremos a concurso, por unha banda, o marketplace, ou sexa preparar fisicamente esta ferramenta, e logo sacaremos a concurso o tema da creación da marca, da creación de audiovisual, promoción, redes sociais e todo iso”, adianta o alcalde de San Xoán de Río.

Outro dos apartados é o correspondente á formación, tanto aos concellos como aos emprendedores. Ademais, asegura Pérez Blecua, este proxecto “crea xa directamente tres postos de traballo, que queremos que sexan ocupados persoas de aquí. O primeiro ano o seu salario sería financiado cos fondos europeos e, se todo vai segundo pensamos e o proxecto funciona, acabará sendo autosostible e esta xente podería vivir disto”.

Na xuntanza tamén se analizaba a forma xurídica que deben usar os concellos para poder aportar o IVE correspondente ao importe total da subveción. “Este proxecto presentarámolo ao 100% de axuda e déronnolo ao 100% de cartos, pero os concellos temos que poñer o IVE. Tocamos a 3.000 euros por municipio”.

Plan de Sostibilidade Turística en Destino

Ademais na reunión tamén se valoraba a posibilidade de solicitar outro proxecto, en concreto trataríase dun Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD). “Os consultores explicáronnos que nas próximas axudas que vai haber da UE estará a segunda rolda dos PSTDs, que son proxectos de mínimo un millón de euros, nos que sabemos que podes ir ao 100% de axuda, pero hai que aportar o 21% de IVE. Un concello como San Xoán de Río non pode aportar 210.000 euros nun proxecto, somos concellos case todos de menos de 1.000 habitantes, entón ou imos xuntos ou non podemos ir, entón, animámonos co bo clima de cordialidade desta xuntanza, que xa é a terceira que celebramos, e imos intentar elaborar unha proposta nos vindeiros días para ver cantos nos sumamos a un proxecto para un PSTD”, adianta o alcalde de Río. De facelo, sería a segunda das propostas ás que se presente Ourense Norte Reacciona.

“Xuntarnos é a única maneira de chegar a acordos e de cambiar as cousas”

Xosé Miguel Pérez recoñece que a de Ourense Norte Reacciona é “unha aposta arriscada que pode ser un éxito ou un fracaso e iso o tempo diránolo, pero todos estamos a favor de levalo adiante para intentar desenvolver o noso territorio. E iso supón unha satisfacción tremenda, sobre todo, en momento como o actual no que hai unha desafección tremenda ente a poboación e a política e fan falta xestos como este, no que se unen 16 concellos de cores distintas, pero ao fin e ao cabo no 90% dos casos temos os mesmos problemas, por tanto as solucións nun 90% dos casos son similares, entón xuntarnos e falar entre todos é a única maneira de chegar a acordos e de cambiar as cousas”. E destaca que están servindo de referencia para outros territorios de Galicia, interesados en seguir o seu modelo de traballo, como é o caso da Mariña Lucense.

De maneira semellante se manifesta Juan Carlos Pérez. unha sensación agora mesmo de inestabilidade dentro dos mesmos partidos, que a outra cara da moeda sexa esta de facer equilibrio 16 concellos de partidos distintos, nunha iniciativia diferente, e que afecta aos comercios, e que ademais queren volverse a aunar para un plan de turismo sostible porque creen que xuntándonos podemos ter máis forza.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button