ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Numerosas persoas participan na Xornada de Portas Abertas no Centro de Día O Salgueiral do Barco

Percorrían as instalacións, guiados polo persoal do centro, e tamén coñecían os seus diversos servizos

Dar atención e servizo ás persoas e adaptarse ás súas necesidades e horarios. Este é o obxectivo co que se traballa no Centro de Día O Salgueiral no Barco e así llo transmitía a súa directora-xerente, Patricia López, ás numerosas persoas que o visitaban durante a xornada de portas abertas que se celebraba na tarde deste mércores 6 de febreiro. Entre as catro e as seis da tarde, percorrían as súas instalacións e informábanse sobre os seus diversos servizos e tamén sobre os trámites para poder acceder a eles.

Este centro, situado na rúa O Salgueiral número 7 do Barco, dispón dun total de 31 prazas. Ofrece servizos básicos (valoración integral da persoa, servizo de manutención e dietas específicas, asistencia nas actividades básicas da vida diaria) e terapéuticos (terapias de estimulación cognitiva, xerontoximnasia e actividades de psicomotricidade, manualidades e atención social, terapias de animación sociocultural e musicoterapia, asesoramento e orientación familiar), así como outros complementarios.

O Centro do Día O Salgueiral comezaba a funcionar recentemente, a finais do pasado mes de decembro, e con esta xornada de portas abertas, que resultaba moi positiva, buscaba darse a coñecer a achegarse á poboación da zona.

Artigos relacionados

Back to top button