EntrevistasÚltima hora

“Nunca se nos fala do mar”

Xurxo Souto, músico e autor do libro Contos do mar de Irlanda

 

Xurxo Souto, en Froxán (O Courel)./ Foto: Carlos G. Hervella.
Xurxo Souto, en Froxán (O Courel)./ Foto: Carlos G. Hervella.

Dende Froxán, no corazón do Courel, Xurxo Souto chamaba ao mar, acompañando as palabras co son dunha caracola: Medre o mar! E o prodixio obrábase coas historias de mariñeiros no Gran Sol que reúne no seu novo libro: Contos do mar de Irlanda (Edicións Xerais), que presentaba na Festa da Pisa da Castaña. Con el pretende ademais reinvidicar un coñecemento mutuo entre a Galicia interior e a litoral, “xuntar a ribeira e a montaña, algo que se conseguíu en Froxán”.

¿Como nace a idea do libro?

Xurde como unha resposta a un fraude, como unha protesta e unha tentativa de conquistar a nosa realidade. Eu nacín na Coruña, unha cidade que ten os pés no océano, que naceu do mar, como Galicia toda, e que ten nel o seu principal referente. Sen embargo, nin na escola, nin nos medios de comunicación, nin na vida pública se nos fala do mar. Aprendemos xeografía e os montes do interior, pero nunca nos din que en Irlanda os mares están cheos de nomes en galego: o Mar das galiñas, o Mar do Candil, o do Sindicato… Tampouco se coñecen os nomes das propias pedras percebeiras que rodean á Torre de Hércules: a Rabaleira, o Xogadoiro, Coitelos de pedra…

Parece que iso é un fraude. E como non recibín esa educación na escola comecei a preguntar polo meu entorno. E preguntando, pero sen insistir, de repente aparece todo ese universo. Descubrín que a miña cidade está poboada por xente que veu de moitas ribeiras para traballar no Muro: de Corrubedo, de Corme, de Burela…

Descubrín que Coruña e Vigo, diante desa rivalidade terrestre, dende os ollos do mar son a mesma cidade, dous pontos de recalada do mesmo océano. E logo descubrín toda unha literatura. Hai unha visión moi simplista da xente do mar, pero o certo é que nela hai alta poesía, grandes poetas como Serafín Mourelle ou Xosé Iglesias, e mesmo pintores do mar. A Stephan Mörling, un erudito sueco que nos anos 50 veu estudar as embarcacións tradicionais, e ficou porque casou na Illa de Ons, preguntáronlle unha vez ¿pero como veu vivir á fin da terra? E contestou, un momentiño, Galicia non é un fin da terra, é un centro do mar. Este libro é a miña descuberta de min mesmo como habitante dun centro do mar.

 
Detrás do libro hai moitas entrevistas con mariñeiros.
Si, pero non son entrevistas ao uso, é o que eu chamo o método terrícola. En cada desprazamento que facía co grupo Os Diplomáticos ía preguntando e saían pequenas historias que finalmente acaban mollando toda a realidade. Que en Celeiro, en Marín ou en Baiona se fale de cousas do mar é previsible, pero que nos outeiros de Froxán tamén apareza unha historia marabillosa relacionada co mar é espectacular. Evaristo Méndez (presidente da Asociación Fonte do Milagro) recordaba cómo, sendo cativo, a casa máis bonita de Froxán era a do Calexón, que era dun mariñeiro en Terranova que enchía todo o corredor de enormes follas de bacallau.Temos dereito a coñecer esa parte da realidade para ser máis felices.

 
Son moitas as conexións entre Irlanda e Galicia…
Historicamente sabemos que a relación entre ambas é constante xa dende a Prehistoria porque hai un camiño que é o mar. Hai pegadas arqueolóxicas comúns, un corpus de lendas, todo o tema do celtismo, a música… Pero precisamente fuxín un pouco desa realidade que está estudada e busquei que me contaran Irlanda os que máis saben dela e os que menos falaron: os propios mariñeiros. E cómo che describen eses portos do suroeste de Irlanda, que é a Irlanda pobre, que están cheos de historias de galegos. Nós somos a hiperperiferia da península, eles son a hiperperiferia da illa. Son historias interesantes, algunhas poden gustar máis e outras menos, pero sobre todo son un manifesto de futuro, porque non podemos pensar que o mar é esa cuestión bucólica que quedou aí atrás. Vimos do mar e el ten que ser o grande argumento de futuro.

 
¿É un libro para conectar tamén o mundo da costa e o do interior?
Esa é a clave. Dende a nosa casa sabemos o que pasa en Berlín, en Londres ou en París, pero unha rapaza de Viveiro descoñece o que sucede no Caurel. Temos que coñecernos, recoñecernos, buscar espazos de encontro. Froxán demostrou hoxe aquí que a xente do interior tamén ten fame de saber o que acontece na ribeira, para comprendernos mellor a nós mesmos. Esas son as claves que nos faltan.

Texto: Ángeles Rodríguez/ Froxán (O Courel)

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button