PolíticaÚltima hora

Núñez Feijóo: “A creación de oportunidades no rural é unha das nosas grandes prioridades”

O presidente da Xunta e candidato á reelección polo PP anima á cidadanía "a participar e a decidir o futuro de Galicia" o vindeiro 12 de xullo

O candidato popular á presidencia da Xunta, Alberto Núñez, durante un mitin./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Por cuarta cuarta vez o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo (Os Peares, Ourense, 1961), lidera a lista do PP nunhas eleccións galegas. Nas tres anteriores lograba maioría absoluta, un resultado que, segundo as enquisas, podería volver a repertirse o próximo 12 de xullo.

Feijóo asegura que, de resultar reelixido presidente, unha das súas prioridades “será a creación de oportunidades no rural ourensán e galego”. Ademais avoga por un “goberno que ofreza seguridade a Galicia, debido ao momento que estamos atravesando de enorme incerteza sanitaria, económica e social”. Tamén anima á cidadanía galega a votar o vindeiro domingo, “pídolles 15 minutos para exercer o seu dereito a voto e a responsabilidade de ir moldeando a Galicia que queremos”.

–  ¿Como está resultando esta campaña e cales son as súas sensacións cando está xa a piques de rematar?

Pois afronto a campaña con moita ilusión, pero tamén con moita responsabilidade. É unha campaña inusual, marcada pola pandemia, cuxa xestión segue a ser a miña prioridade.

 ¿Cales son as principais propostas que leva o PP no seu programa electoral con relación á Galicia interior e ao rural? ¿Que medidas barallan para paliar a situación de perda de poboación e avellentamento do rural, grandes problemas da provincia neste momento?

Sen dúbida, a creación de oportunidades no rural ourensán e galego é unha das nosas grandes prioridades. Por iso puxemos en marcha programas de apoio aos autónomos, de relevo xeracional ou de fomento de incorporación da mocidade á actividade agrícola.

Tamén traballamos para que o rural teña as mesmas opcións de conciliación que as cidades, de xeito que as familias teñan máis incentivos para asentarse alí. Nesa liña van as casas niño (que este ano se ofrecen ao 100% dos concellos pequenos de Galicia) e as casas do maior.

 

 

– ¿Como pretenden potenciar sectores de relevancia para a provincia de Ourense como o da lousa ou o do viño? ¿e o termalismo, tamén vencellado ao mundo rural na maior parte dos casos?

Non podemos falar de Ourense sen falar dos sectores que sempre dinamizaron a economía da provincia. O reto agora é avanzar na súa modernización. No ámbito da lousa, concedéronse axudas para renovar os equipos de produción e para garantir as medidas de seguridade para os seus profesionais.

Respecto do sector vinícola, a Xunta apoiouno desde o primeiro momento para axudalo a paliar os efectos da pandemia. Precisamente nesta semana, aprobamos o “préstamo vendima”, que permitirá mobilizar ata 60 millóns de euros para que todas as bodegas poidan afrontar a compra da totalidade da uva da colleita deste ano nas condicións normais de mercado.

Respecto do termalismo, unha das pezas claves do turismo galego e un dos nosos grandes potenciais, cómpre afondar en dous dos seus valores centrais: a calidade e a tranquilidade que queremos identificar coa nosa terra. Temos moita confianza en que o termalismo impulse a desestacionalización e o turismo de fin de semana, favorecido pola próxima chegada do AVE.

 

Núñez Feijóo, nun acto de campaña xunto ao presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, e a cabeza de lista popular pola provincia, Marisol Díaz./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

 – Como ourensán, ¿como valora a candidatura que presenta o PP pola provincia de Ourense nestes comicios?

Pois unha candidatura excelente, na que destaca a experiencia e a capacidade de xestión, cunha muller ao fronte que repite como Marisol Díaz Mouteira e cun conselleiro que é das persoas que máis sabe do rural e máis traballa polo rural de Galicia como é José González.

 

 

– Considera que a situación actual, debido á crise do Covid-19, ¿pode facer que vaia menos xente a votar o 12X? ¿que mensaxe transmitiría á cidadanía neste sentido?

É evidente que hai partidos que están intentando asustar á xente para que non acuda a votar, o cal é unha enorme irresponsabilidade. Eu teño que dicir que ir votar é seguro e animo a todos a participar e a decidir o futuro de Galicia.

Os expertos avisaron de que a posibilidade de brotes era real e que se sucederan nos vindeiros meses ou anos, e por iso nos pediron celebrar as eleccións canto antes, porque serían máis seguras, e foi o que fixemos.

Todos os colexios electorais foron inspeccionados, as medidas de seguridade son máximas e o domingo pódese ir votar con absoluta tranquilidade e seguridade.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button