Entrevistas

“O 12% de Galicia é Rede Natura”

Verónica Tellado, directora xeral de Conservación da Natureza, concibe o patrimonio natural como fonte de riqueza

 

A directora xeral de Conservación de Natureza, Verónica Tellado, no Parque Natural do Invernadeiro (Vilariño de Conso)./ Foto: Carlos G. Hervella.
A directora xeral de Conservación de Natureza, Verónica Tellado, no Parque Natural do Invernadeiro (Vilariño de Conso)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Mellorar a imaxe e o coñecemento dos espazos protexidos galegos dentro da propia comunidade autónoma, pero tamén no resto de España. É unha das liñas nas que se traballa dende a Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Ao fronte deste departamento autonómico está Verónica Tellado Barcia. A primeiros de decembro visitaba un dos tres parques naturais existentes na provincia de Ourense, o do Invernadeiro (Vilariño de Conso) para presidir a súa xunta consultiva. É precisamente nestes órganos onde se abordan as actuacións a levar a cabo para difundir os valores destes espazos protexidos á poboación. A directora xeral de Conservación da Natureza destaca a importancia do patrimonio natural ourensán, así como o seu alto grao de conservación, e amósase convencida do seu potencial para dinamizar á economía rural deste territorio a través de actividades como o turismo. Ademais relaciona a súa posta en valor coa doutros recursos do territorio como o patrimonio cultural.

Galicia é unha comunidade moi rica en patrimonio natural, ¿por que é importante este tipo de patrimonio para un territorio?

O patrimonio natural está vinculado á actividade humana e é fonte de riqueza. A paisaxe foi modelada ao longo dos séculos e é reflexo do traballo cotián das comunidades. Asemade supón unha fonte de recursos económicos importante a través do turismo ecolóxico ou turismo verde, de venda de produtos artesanais e tradicionais, de medio de vida da xente, do gando (potenciación de especies autóctonas), de variedades xeneticamente autóctonas ou endémicas… O patrimonio natural vai ligado tamén a un patrimonio cultural, tanto material (patrimonio arqueolóxico, etnográfico, histórico, construción tradicional) coma inmaterial (lendas, coñecementos medicinais, xogos, cantigas….) que se pode, e se debe, valorizar.

 

 
¿Que lugar ocupa dentro deste patrimonio natural a Galicia interior e, máis en concreto, a provincia de Ourense?
A Galicia interior presenta en moitos casos un patrimonio pouco alterado e ben conservado, sen sufrir as presións humanas como as da construción abusiva, o que supón unha salvagarda de moitos recursos, tanto paisaxísticos, como de flora, fauna, xea, etc. Bosques e fragas, formacións e elementos paisaxísticos, fauna salvaxe, flora endémica e autóctona, corgas e ríos sen contaminación, actividades tradicionais de núcleos rurais…, consérvanse e perduran coma se non sufriran o paso do tempo, o que lles confire un importante valor. É difícil, cando se conta cunha mostra tan variada de ecosistemas e espazos situar ás provincias nun lugar concreto dado que depende de moitos factores. O que si se pode afirmar é que Ourense conta cunha representación excepcional do noso patrimonio natural, proba disto é que alberga tres dos seis parques naturais cos que contamos no país.

 

 
¿Considera suficientes as figuras de protección que existen actualmente ou deberían incrementarse?
O que máis me preocupa agora é xestionar adecuadamente os espazos protexidos declarados na actualidade. Non é tan importante que o número de espazos sexa alto senón que se atope no mellor estado de conservación posible ante potenciais impactos. Temos aínda moito traballo por facer en canto ao estado, percepción e coñecemento, da nosa rede galega de espazos protexidos. Nesas estamos.

 
¿Como estamos en Galicia en canto a datos de superficie protexida, en comparación con outras comunidades autónomas de España?
Galicia aporta á Rede Natura 2000 europea o 12% do seu territorio. Este valor é baixo en comparación coa porcentaxe que outras comunidades autónomas aportan á rede (a media estatal está no 27%). Sen embargo, hai que salientar que así como no resto do Estado diferencian espazos naturais protexidos, outorgándolles maior protección, e espazos protexidos Rede Natura 2000, en Galicia fíxose unha aposta ao outorgarlle a maior protección a todos aqueles espazos incluídos na Rede Natura 2000, ao declaralos zonas de especial protección dos valores naturais, figura prevista na lexislación autonómica actual de conservación da natureza, pasando a formar parte da rede galega de espazos protexidos, e polo tanto, contando coa mesma protección que a que confiren noutras comunidades autónomas aos espazos naturais protexidos.

 

Texto: Ángeles Rodríguez

A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do Especial Nadal do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button