“A imaxe dun evento define en boa medida a súa alma e nós desvelamos neste acto a do próximo Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF)”. O alcalde de Ourense, Xesús Vázquez, comezaba con estas palabras o acto de presentación do cartaz da 21 edición do certame, obra de Pablo Menor Palomo, e da nova páxina web, realizada por Beatriz Ogando. Xunto a el estaban o director do festival, Fran Gayo (que comparecía por vez primeira ante a prensa ourensá), o director do AGADIC, Jacobo Sutil, a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, o representante da Deputación Manuel Doval, e a xefa territorial da Consellería de Cultura en Ourense, Mercedes Gallego.
Para Xesús Vázquez tanto o cartaz como a web son dúas “ferramentas importantes para proxectar a nosa imaxe a todo o mundo e no caso da web é tamén un instrumento de contacto para a presentación de traballos, xa que o prazo para facelo concluirá a mediados de agosto”.
Ao seu carón, o novo director do OUFF, Fran Gayo, agradecíalle ao Concello a confianza depositada nel para este proxecto e avanzaba “un primeiro apunte” do que será a vindeira edición, que se apoiará en “dous pivotes” “as competencias en cine iberoamericano e en óperas primas. Ademais haberá tres retrospectivas de cineastas iberoamericanos, ciclos e homenaxes”. Gayo incidiu en que xa había “moito traballo avanzado” e cuestións pechadas, pero non desvelou nada máis.
Pola súa banda, Jacobo Sutil, resaltaba a “aposta decidida do Concello de Ourense por incrementar o festival cunha orientación nova, coa incorporación de Fran Gayo, de cara ao cinema iberoamericano e ao talento emerxente”. Tamén matizaba que o OUFF é un evento cultural, pero tamén “ten gran importancia no sentido turístico e social no territorio onde se celebra e na súa contorna”.