OurenseSen categorizarÚltima hora

O 25 OUFF estreará a versión remasterizada de “A metade da vida”

A película, dirixida por Raúl Vega, foi a única rodada en galego nos 90

A película “A metade da vida”, dirixida por Raúl Veiga, presentarase na súa versión remasterizada na 25 edición do Festival de Cine de Ourense (OUFF). Este filme foi estreado en outubro de 1994, e foi o único rodado enteiramente en galego durante esa época.

 

Fotograma da película.

 

O director explicou que está restaurada e reeditada “para facerlle o visionado máis amable ao espectador”. Ademais, móstrase moi satisfeito de que o OUFF sirva de escenario para esta estrea tan especial xa que “fun parte do xurado nalgunha edición e ata coordinei algún foro polo que me sinto parte del”. Veiga define o festival como “un punto de referencia obrigado para o audiovisual galego e algo que debe continuar porque ademais de ter unha carreira brillante, logrou algo moi difícil en Galicia como é ter esta continuidade no tempo”.

Para o crítico Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico do festival, a exhibición desta “película, que considero heroica polo tempo no que se produciu e as condicións daquela, correspóndese coa idea de consolidar o festival como a casa propia do audiovisual galego”.

 

 

“Cun guión do propio Raúl Veiga, inspirado en parte por un conto de Xosé Luís Méndez Ferrín, enA metade da vida” descubrimos a historia dun triángulo amoroso nunha cidade galega a finais dos oitenta”, afirman dende a organización. Os protagonistas son un músico de jazz chamado H. Eire, o seu amigo Pedro e a moza deste e amante do músico, Amalia. Na vida de Eire aparecen ademais un tío e a súa sobriña; o primeiro ancorado no seu interese pola literatura e a segunda, en converterse nunha moza interesante.

 

 

A reestrea tamén quere servir de homenaxe a toda unha xeración de actores galegos que comezaban a súa carreira, tales como María Bouzas (que recibiu no último OUFF o Premio a toda unha traxectoria da Fundación AISGE), Evaristo Calvo e Alfonso Agra, que dan vida ao trío protagonista, xunto con Mela Casal, Isabel Vallejo e, especialmente, co actor ribadaviense Ernesto Chao.

 

Artigos relacionados

Back to top button