CulturaCulturaÚltima hora

O 31º Festival de Teatro Galego subirá o pano no Carballiño do 23 ao 26 de setembro

A programación inclúe a lectura dramatizada de “A Farsa das Zocas” e unha Escola de Espectadores, dúas actividades coas que chegará a outras Comunidades de España e a países como Alemaña, Francia, Portugal e Brasil

Presentación da 31ª edición do FETEGA.

 

O Festival de Teatro Galego (FETEGA) ‘Celso Parada’ desenvolverá do 23 ao 26 de setembro no Carballiño a súa 31ª edición cunha carteleira dedicada integramente á escena do país, con espectáculos de sala, animación de rúa e unha Escola do Espectador como principal novidade das súas actividades paralelas. Os organizadores do certame, que incorpora a Carlos Ledo como director, presentaban a programación en Ourense na mañá deste 21 de setembro, nun acto no que participaron o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; o director do Festival, Carlos Ledo; e a directora artística do Festival, Josi Lage.

O alcalde do Carballiño afirmou que “a seguridade está garantida ao 100%” agradecendo á organización que pensara na figura de Carvalho Calero “nun ano no que por desgracia non puidemos recoñecerlle todo o que aportou á cultura galega”. O director do AGADIC pola súa banda fixo fincapé na importancia de colaborar neste evento “porque é importante que se manteña a actividade cultural, aínda que se faga con restricións, xa que é a maneira de que subsista o sector cultural”.

O director do Festival explicou que nesta edición quixeron “coidar da nosa familia porque ir ao teatro é seguro, e ampliar a familia de maneira xeográfica e mental, coa Escola de Espectadores que pretende achegar dun xeito informal o teatro á outra parte do binomio do teatro, o público; e coas lecturas dramatizadas da obra de Carvalho Calero coas que nos demos conta que había unha especial sensibilidade nunha institución cun alto nivel académico: as Universidades e os Centros de Estudos Galego no exterior”.

 

Asistentes á rolda de prensa celebrada en Ourense, coa asistencia entre outros do alcalde do Carballiño, Alfonso Fumega.

 

Finalmente, a directora artística foi a encargada de avanzar a programación desta edición que comezará no Auditorio Municipal ‘Manuel María’ o mércores 23 de setembro, co espectáculo Clausura do Amor da compañía Cámara Negra. Ao día seguinte será a quenda para a obra Os nenos da varíola da compañía Pérez & Fernández. O venres, 25 de setembro, chegará o espectáculo O mel non caduca de Ibuprofeno Teatro e, o último día, o 26 de setembro, será a quenda para a compañía AveLina Pérez co espectáculo A que non podes dicir Coca-Cola?(II). Todos os espectáculos serán ás 20:30 horas.

Paralelamente, os días 23, 24 e 25 de setembro haberá monólogos cómicos na Casa da Cultura a cargo de Pedro Brandariz, Arantxa Treus e Diana Sieira, mentres que o sábado, 26 de setembro, desenvolverase unha performance co Proxecto Literarias. Todas estas actividades serán ás 18:30 horas. Asemade, todos os días ás 11, 17 e 20 horas haberá teatro na rúa da man de Barafunda.

Con respecto á lectura dramatizada internacional de A farsa das zocas, de Carvalho Calero, será levada a cabo por 50 persoas voluntarias dos Centros de Estudos Galegos de distintos países, baixo a dirección desde Galicia de Vanesa Sotelo, que se poderá seguir polas redes sociais durante 30 minutos ao día.

Artigos relacionados

Back to top button