OurenseÚltima hora

O 51º Rallye de Ourense quenta motores coa reunión técnica en materia de seguridade

Na xuntanza analizáronse, entre outros temas, as medidas especiais de regulación de tráfico nos concellos polos que discorre a proba

A 51ª edición do Rallye de Ourense celebrarase os vindeiros días 8 e 9 de xuño. A proba consta dun percorrido total de 506,55 quilómetros, con 10 tramos cronometrados e consta de dúas etapas, 4 seccións e 5 tramos, e para poñer a punto o sistema de seguridade a Subdelegación do Goberno acollía na mañá do 30 de maio unha reunión técnica previa presidida polo subdelegado do Goberno, Roberto Castro.

Na xuntanza informouse á Escudería Ourense –organizadora da competición- das súas responsabilidades na posta a punto para a celebración do rallye. Lembrouse, neste sentido, que é a escudería “a responsable de deseñar e velar polo cumprimento dun plan de seguridade que perfile os medios sanitarios dispoñibles, o itinerario de evacuación para cada tramo e os lugares prohibidos aos espectadores, entre outros aspectos”. No encontro desta mañá analizáronse tamén as medidas especiais de regulación e ordenación de tráfico que deben establecerse nos concellos polos que discorre a proba, co fin de minimizar as afectacións de estradas e de habilitar desvíos alternativos.

Para garantir o cumprimento das normas, e con elo a seguridade tanto dos participantes na proba deportiva como dos espectadores e condutores que se despracen pola zona, a organización mobilizará a numeroso persoal técnico, que contará co apoio das forzas de seguridade e de Protección Civil.

As Forzas e Corpos de Seguridade do Estado despregarán un amplo dispositivo. O subsector de Tráfico da Garda Civil auxiliará aos organizadores do rallye nos labores de controlar que os tramos se pechen e abran nos horarios establecidos, evitar o paso de vehículos non autorizados aos tramos cronometrados ou informar aos condutores dos itinerarios alternativos, entre outras cuestións.

Na xuntanza insistiuse na necesidade de lembrar aos afeccionados “a importancia de situarse lonxe da posible traxectoria dunha saída de vía dos participantes e non situarse diante de lugares sólidos como muros de pedra, valados, coches, árbores ou colectores”. Recoméndase tamén aos asistentes que conduzan con prudencia nos desprazamentos dun tramo a outro, que deixen libres as escapatorias, que eviten estacionar dentro dos tramos cronometrados e que non camiñen polas cunetas nin cruces de calzada durante o desenvolvemento da proba, senón que deben utilizar camiños paralelos ou agardar ao remate da mesma.

Artigos relacionados

Back to top button