DeportesÚltima hora

O 52º Descenso do Sil, distinguido cun accésit como mellor regata organizada nos premios do piragüismo galego 2018

A gala na que se entregará este recoñecemento terá lugar o vindeiro 9 de febreiro no Pazo de San Marcos en Lugo
Público seguindo a pasada edición do Descenso do Sil na zona das Casas Baratas do Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

Entre os galardoados nos Premios Piragüismo 2018, que se entregarán nunha gala prevista para o 9 de febreiro no Pazo de San Marcos de Lugo estarán os organizadores do 52º Descenso Internacional do Sil. Esta proba, promovida polo Concello do Barco en colaboración co Club Fluvial Barco, recibirá un accésit na categoría de mellor regata organizada. Este descenso celebrábase no pasado mes de setembro cunha notable participación.

Non será o único premio que veña para a provincia de Ourense. Así, na categoría de mellor regata organizada tamén levará premio o campionato Xogade, que tiña lugar no mes de xuño no encoro das Conchas en Muíños, organizado por este Concello e pola SCXD Fontefría.

Ademais farase un recoñecemento á agrupación de voluntarios de Protección Civil de Coles, “en especial á súa área de salvamento acuático, que no 2018 participaba de forma activa na seguridade do campionato Xogade, o campionato galego de barcos de equipo, o descenso do río Miño de Ourense e na regata provincial de Barra de Miño”, segundo se informa dende a Federación Galega de Piragüismo.

Ademais haberá unha distinción, a título póstumo, para José Luis González “Chelis”, pola súa traxectoria como directivo e padexeiro no mundo do piragüismo.

Artigos relacionados

Back to top button