En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O 53 Descenso do Sil, un referente en seguridade

Nesta edición despregábase un amplo dispositivo dunhas 80 persoas con multitude de medios, entre eles, un helicóptero da Garda Civil

 

“Nunca antes o Descenso do Sil tivo un dispostivo destas características, penso que o tema da seguridade estivo perfectamente controlado”, destaca o concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso, tras unha exitosa 53ª edición desta proba na que participaban unhas 300 piraguas (individuais e de equipo) na tarde do 14 de setembro.

Para garantir a seguridade en cada un dos tramos desta competición galega duns 7 km de percorrido contábase cun total de 80 persoas. “Delas, 14 eran da Federación de Salvamento Acuático de Galicia en espazos naturais, cun patrón de embarcación, unha moto acuática e sete saídas de emerxencia perfectamente sinalizadasa con pancartas no río Sil para que todos aqueles padexeiros que tiveran problemas souberan por onde saír”, matiza Alonso.

 

O concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso, facendo declaracións ao Periódico O SIL tras o descenso./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tamén se contaba coa presenza da Unidade de Drons da Axencia Galega de Emerxencias, Axega, (con dous técnicos e dous dron, que mesmo se usaron para amplificar o sinal das comunicacións) e dun total de 22 efectivos de Protección Civil de Trives, de Manzaneda, de Castro Caldelas, A Rúa, O Bolo e O Barco, coordinados polo responsable de Protección Civil do Barco.

Ademais había un amplo apoio da Garda Civil: unha unidade de Tráfico e dúas unidades de patrullas, un helicóptero, o GREIM (o Grupo de Rescate e Intervención en Montaña de Galicia, con sede en Trives) e os GEAS (Grupo Especial de Actividades Subacuáticas).

 

 

Do operativo tamén formaban parte o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) Valdeorras, a Policía Local do Barco e Ambulancias Sil, con dous médicos e un hospital de campaña instalado no Paseo do Malecón.

“Nesta edición só houbo incidentes menores como algún rasguño e todo funcionou perfectamente, estaba todo moi controlado. É certo que nos custou chegar ata onde estabamos pero agora podemos presumir de que está é unha proba coa seguridade garantida. De feito as persoas que veñen a competir de fóra dicíannos que en ningún dos lugares nos que van a regatas viron un despregue como este”, resalta o concelleiro de Deportes do Barco.

Para esta proba o Concello do Barco redactaba un plan de seguridade, tal e como xa se viña facendo en anos anteriores, se ben nesta ocasión “mellorouse e perfeccionouse en base a detalles que nos foron indicando os técnicos noutras edicións”, comenta Aurentino Alonso, que resalta a espectacularidade de tramos do descenso como o do Cachón, polo que “é unha proba moi bonita, pero tamén coa seguridade garantida. Creo que estamos no top ten deste tipo de descensos e iso temos que empezar a dalo a coñecer aos clubs e ao público”.

O concelleiro de Deportes barquense agradecía a colaboración de todas as entidades e persoas que colaboraron nesta edición e tamén os labores de limpeza integral do río que acometía previamente a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, xunto aos desbroces do Concello.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Máis información e fotos:
https://osil.info/o-barquense-jesus-rodriguez-reina-novamente-no-descenso-do-sil/
https://osil.info/o-fluvial-barco-suma-cinco-podios-no-53-descenso-do-sil/
https://osil.info/o-publico-toma-o-rio-para-seguir-o-53-descenso-do-sil/
https://osil.info/os-fotografos-tamen-se-apuntan-ao-descenso-do-sil/
https://osil.info/o-tren-fluvial-do-descenso-do-sil-sae-da-estacion-do-barco/

Artigos relacionados

Back to top button