CulturaCulturaÚltima hora

O 5º Premio Galicia de Fotografía Contemporánea promovido polo Outono Fotográfico, chega a Pontevedra

A Sala de Exposicións Café Moderno de Afundación acollerá "To Name a Mountain", un ensaio fotográfico con historias en varias capas que entrelazan acontecementos históricos, historia da arte e microrrelatos autobiográficos

Unha das imaxes da exposición “To Name a Mountain”.

 

Logo de se mostrar en Vigo e Ferrol, a exposición de Alfonso Almendros To name a mountain, gañadora 5ª edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea promovido polo Outono Fotográfico, chega mañá a Pontevedra.

Segue deste xeito a itinerancia polas cidades galegas nas sedes de Afundación, desta mostra, “un completísimo ensaio onde as historias se tecen en diversos planos nas que podemos atopar o medo, o amor, o desexo, a dor, a desesperación e o desamor”, explican dende o OF, asegurando que o traballo de Alfonso Almendros “entronca á perfección co obxectivo do Premio”.

To name a mountain parte da viaxe que emprendeu o paisaxista Albert Bierstadt en 1863 a través das Montañas Rochosas co seu amigo Fitz Hugh Ludlow. O paisaxista ficou deslumbrado coa vista da descomunal montaña e fixo varios bocetos que despois convertiría en pinturas. Ademais foi tomando notas que logo transformou en libro no que relatou a dificultade en chegar ao cumio comparándoa coa imposibilidade de obter o amor da muller do seu amigo. Almendros apropiase de historia e imaxes para nos falar da súa propia, a través de pasaxes da historia da fotografía (Bierstadt foi tamén un dos “pais” da fotografía), e con recursos plásticos que rinden homenaxe ao medio, demostrando a paixón do autor pola fotografía.

A exposición de Alemendros abrirase ao público mañá, mércores 4 de setembro, no Café Moderno de Afundación en Pontevedra e poderase visitar ata o 28 do mesmo mes.

Artigos relacionados

Back to top button