EconomíaEconomíaÚltima hora

O 9 de marzo sairá ao mercado a IXP Pan Galego

Na provincia de Ourense as panaderías autorizadas para a súa venda están emprazadas en Allariz e San Cristovo de Cea

 

O vindeiro mércores 9 de marzo comezarán a venderse as primeiras pezas baixo a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan Galego. Así o anuncia a Xunta, adiantando que “as 14 panaderías inscritas que poderán comercializar o produto nun total de 44 puntos de venda superaron todos os controis previos, garantía do cumprimento dos requisitos establecidos no prego de condicións para a elaboración de Pan Galego. Así, distribuirán o produto envasado e identificado cunha etiqueta numerada na que figurará o logotipo da indicación xeográfica protexida, asegurando a súa trazabilidade en todo momento.

En concreto, as panadarías autorizadas están emprazadas nas localidades coruñesas de Carral, Oleiros, Curtis, Cerceda, Mesía e Coristanco, así como na cidade de Lugo e no concello lucense de Palas de Rei. Na provincia de Pontevedra, localízanse en Vigo e nos municipios de Vilanova de Arousa e A Estrada, mentres en Ourense se atopan en Allariz e en San Cristovo de Cea.

na actualidade se seguen a tramitar máis solicitudes recibidas para inscribirse no rexistro do Consello Regulador, polo que en breve aumentará o número de panadarías e puntos de venda autorizados a distribuír Pan Galego con todas as garantías para os consumidores. Así mesmo, mantense aberto o prazo para que se rexistren na IXP tanto os produtores de trigo autóctono, como os muíños e panadarías interesados en acollerse a este novo selo de calidade.

Pan Galego

A calidade diferencial do produto amparado baixo a IXP Pan Galego débese á súa orixe, ás características dos seus ingredientes e á súa forma de elaboración, requisitos todos eles recollidos no prego de condicións da IXP aprobado pola Unión Europea. No que respecta aos ingredientes, debe empregarse fariña de trigo da que, como mínimo, o 25% procederá de trigos de variedades autóctonas de Galicia entre as que destacan o callobre e o caveiro (“trigo país”). Tamén auga, masa nai (chamada -así mesmo- formento, requento ou lévedo), sal común e, opcionalmente, lévedo biolóxico.

O Pan Galego pode presentarse con catro formatos diferentes: bolo ou fogaza, rosca, bola ou torta e barra. O sabor intenso a trigo cun punto lixeiramente ácido e moi aromático, así como a súa codia triscante e a miga de textura esponxosa e alveolado abundante, son só algúns dos sinais de identidade deste produto tan característico da cultura gastronómica galega.

O consumidor poderá mercar Pan Galego nos puntos de venda rexistrados na indicación xeográfica. Mentres as pezas inferiores a 1.500 gramos serán expedidas, envasadas e etiquetadas en pezas enteiras, en formatos superiores permitirase o corte na propia panadería, sempre que se faga en presenza do cliente. Iso si, antes do seu fraccionamento, a peza deberá estar correctamente identificada. Ademais incluirá o logotipo da IXP e o número de serie específico na súa correspondente etiqueta.

Artigos relacionados

Back to top button