ConcellosQuirogaÚltima hora

O aceite e o Camiño de Inverno, homenaxeados en dous novos murais en Quiroga

Trátase de dúas obras que está realizando o artista urbano Mon Devane

O alcalde de Quiroga e o concelleiro de Cultura, visitando o mural adicado ao aceite./ Cedida.

 

Vén de completarse un novo mural na vila de Quiroga. Realizado nun lateral do Auditorio Municipal, esta creación serve de homenaxe ao aceite. É obra do artista urbano Mon Devane e ten máis de 15 m2. O mural representa un neno cunha oliva dourada, simbolizando o ouro líquido quirogués.

O viño e o mel xa tiñan a súa representación na arte urbana dos murais cos que conta a vila de Quiroga, agora co remate deste novo mural que enxalza o aceite, complétase a homenaxe aos tres produtos que marcan a identidade do municipio.

O concelleiro de Cultura, José Luís Rivera, e o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, achegáronse ata o auditorio para ver esta nova obra pictórica que está financiada polo Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

Mon Devane caracterízase por ser un pintor de retratos, foto-realista, que utiliza spray para realizar as súas obras, nas que predomina a cor turquesa, algo que reflicte neste mural e que tamén se verá no que xa comezou a realizar nunha fachada da praza da rúa Lago.

Nesta nova creación, e contando tamén co financiamento do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, o motivo escollido terá que ver co Camiño de Inverno a Santiago. Polo municipio quirogués transcorren 36 km desta ruta de peregrinación xacobea, o trazado máis longo de todos os municipios polos que pasa. Nela será unha peregrina a que represente e recorde este itinerario e a importancia que ten dentro do municipio de Quiroga.

Con estas dúas novas obras pictóricas urbanas a vila quiroguesa contará con dez murais que, seguindo a ruta deseñada dende a oficina de turismo, se poden recorrer realizando unha pequena camiñada dentro da capitalidade municipal.

Artigos relacionados

Back to top button