EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

O aceite quirogués das castes galegas Brava e Mansa, entre os mellor valorados polo consumidor

Así se desprende dun estudo realizado ao longo de dous anos pola emprea Ouro de Quiroga en colaboración co departamento de Agronomía do Centro Tecnolóxico da Carne

 

No 2017 poñíase en marcha o proxecto “Variedades de oliva autóctonas galegas Brava e Mansa: Mellora da produción dos oliveirais e desenvolvemento de aceites diferenciados”, promovido pola empresa Ouro de Quiroga en colaboración co departamento de Agronomía do Centro Tecnolóxico da Carne (CTC). Tras dous anos de investigación, os seus impulsores veñen de facer públicos os resultados do traballo nun acto celebrado no Museo Etnográfico de Quiroga (Lugo) o 8 de outubro.

No decurso da investigación levouse a cabo un seguemento de dúas colleitas, comparando analiticamente o aceite oliva virxe obtido fronte a outras variedades comerciais. “Analizamos os aceites elaborados con variedades locais da zona de Quiroga, tanto con Mansa e Brava, como outros mesturados con picual e arbequina, e tanto nos parámetros de calidade fisicoquímicos, como nos ácidos graxos, obtivéronse unhas puntuacións, dentro das establecidas pola lexislación europea, como aceite de oliva virxe extra, que é a categoría máis alta que hai dentro do aceite”, destacaba no acto Sol Zamuz, técnica do CTC.

 

A técnica do Centro Tecnolóxico da Carne, Sol Zamuz.

 

Ademais o estudo revela que, “en canto a compostos volátiles e ás puntuacións dadas polos catadores nunhas sesións de consumidores, estes aceites están entre os máis aceptables e máis preferidos, comparados con outros que hai no mercado a nivel español. Hai que ter en conta que estes aceites elaborados en Quiroga están a ese rango, e iso é moi interesante para desenvolver produtos”, engade Zamuz.

Dende Ouro de Quiroga tamén se fai unha valoración moi positiva dos resultados do proxecto. “Denota que os aceites desta zona son espectaculares, o clima axuda ademais a potenciar eses polifenois e esas cualidades positivas que teñen. Quédanos aínda moito por percorrer, pero é un potencial moi grande”, sinala un dos socios desta empresa, Suso Bao, quen incide tamén na importancia das castes autóctonas de oliveira galega.

 

Suso Bao, un dos socios da empresa Ouro de Quiroga.

 

Outra das partes deste proxecto incluía o desenvolvemento de aceites aromatizados con base Brava e Mansa, para promocionar novos produtos oleícolas do Val de Quiroga e Ribas de Sil. “Unha vez que se sacaron os parámetros ou a caracterización da Mansa, da Brava, e da plurivarietal, fixéronse eses aceites especiados con cítricos, con froitos secos, con herbas do bosque para seguir avanzando e sacar un valor engadido e non quedarnos parados en que temos un aceite incrible, hai que seguir avanzando, porque no resto de España lévannos moitos anos de experiencia e só nos podemos diferenciar indo un paso por diante”, indica Suso Bao.

Ademais de facer públicos os resultados do proxecto, neste acto tamén se daba unha charla de iniciación á cata de aceites e, seguidamente, os asistentes podían catar os aceites de Brava, de Mansa virxe extra, así como as versións aromatizadas elaboradas dentro do estudo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información: www.ourodeguiroga.com
Telf. 982 06 09 80

Artigos relacionados

Back to top button