DeportesÚltima hora

O acondicionamento do campo de fútbol “As Carrelas” de Viana, case rematado

Esta actuación consistiu na substitución do céspede e na colocación dun sistema de rego automático e supuxo un investimento de 23.600 euros, procedente de fondos municipais
Xogada do C.D. Viana no campo de fútbol municipal As Carrelas./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A intervención para mellorar o campo de fútbol “As Carrelas” está practicamente concluída e de feito o pasado sábado 13 disputábase xa nesta instalación deportiva o primeiro partido de liga do CD Viana. Foi un “acondicionamento moi necesario e que consistiu fundamentalmente na substitución do céspede e na colocación dun sistema de rego automático”, segundo sinala o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández.

As obras, cun investimento de 23.600 € procedente de fondos municipais, consistiron en levantar o céspede do terreo de xogo mediante medios mecánicos, na colocación dun novo sistema de rego automático enterrado “para solucionar un dos principais problemas que tiña o noso campo; cuestión que dificultaba enormemente a conservación do céspede. Con este novo sistema conseguiuse un rego automatizado de todo o terreo de xogo e de paso necesitarase moito menos tempo de traballo para realizar estas operacións do que se necesitaba co sistema antigo de regadores”, matiza o rexedor.

Finalmente, esta actuación permitiu mellorar o terreo, “aplicando unha capa de area e unha nova sementeira para conseguir un campo de xogo en debidas condicións. Fixéronse tamén todas as operaciósn post-emerxencia do céspede, eliminando malas herbas, escarificando… Con estas obras consideramos que o noso equipo de futbol ten unhas instalacións adecuadas para afrontar a tempada 2018-2019”, sinala Secundino Fernández.

Artigos relacionados

Back to top button