CulturaCulturaÚltima hora

O acondicionamento e sinalización do Camiño de Inverno por parte da Xunta levarase a cabo no 2020

Convócanse axudas por valor de 1,2 millóns de euros para financiar máis dun cento de actuacións de mellora paisaxística e embelecemento ao longo do Camiño de Santiago

 

Peregrinos polo Camiño de Inverno. /Foto cedida.

 

A Xunta convoca axudas por valor de 1,2 millóns de euros para financiar máis dun cento de actuacións de mellora paisaxística e embelecemento ao longo do Camiño de Santiago. Así o anunciaba o responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa do Consello da Xunta celebrado o 14 de novembro, no que tamén se falou das accións de sinalización dos diferentes camiños, seguindo a folla de ruta marcada polo Plan Director do Camiño, que “este ano destina 3 millóns de euros ao acondicionamento e sinalización da Vía da Prata e que no vindeiro ano se centrará no Camiño de Inverno, a última ruta pendente”.

Esta nova convocatoria de axudas está dirixida tanto a entidades locais como a persoas físicas e xurídicas, e contarán con dúas categorías. A primeira está dirixida a actuacións propostas por entidades locais, incluíndo os concellos polos que pasa o Camiño de Santiago, así como deputacións ou mancomunidades, sempre que teñan competencias para a actuación proposta. Permitirá financiar un mínimo de 40 actuacións e contará cun orzamento de 600.000 euros.

Con respecto á segunda liña, financiará un mínimo de 60 actuacións, contará cunha dotación de 600.000 euros e está dirixida a persoas físicas ou xurídicas privadas titulares dun dereito real sobre un ben moble, inmoble, recurso ou elemento situado no Camiño ou aos arrendatarios destes bens. Tamén se inclúen comunidades de propietarios, asociacións de veciños ou comunidades de montes veciñais en man común. O presidente da Xunta explicou que o Goberno galego financiará o 75% das intervencións cunha cantidade máxima de 15.000 ou 10.000 euros, en función de se se trata dunha entidade local ou dunha persoa física ou xurídica.

No que se refire ás actuacións obxecto destas axudas, hai cinco categorías: intervencións sobre elementos etnográficos e a súa contorna; actuacións sobre casas e eiras; intervencións no espazo agrario para reducir o impacto visual que xeran elementos en desuso ou abandonados sen interese patrimonial ou paisaxístico; actuacións para incorporar a vexetación como elemento integrador da paisaxe, e actuacións nos trazados do Camiño co fin de substituír elementos no mobiliario urbano que resulten alleos á contorna da Ruta Xacobea.

Esta liña de axudas dá continuidade ás diferentes actuacións impulsadas pola Xunta na antesala do Xacobeo 21. Unha delas é posta en marcha do Plan de Mantemento a través dun investimento de 15,6 millóns de euros, que permitirán acometer actuacións ao longo dos máis de 1.250 quilómetros dos distintos camiños en 121 concellos galegos.

 

Artigos relacionados

Back to top button