OurenseÚltima hora

O acordeón e Ourense serán os principais protagonistas da IV Master Class internacional

O acordeonista Víctor Prieto, coordinador desta Master Class, presentou tamén un concierto que fará o 19 de xullo no Teatro Principal con músicos de Galicia, Alemaña e EE.UU
Manuel Baltar e Víctor Prieto.

O acordeonista ourensán Víctor Prieto e o presidente da Deputación, Manuel Baltar, presentaron hoxe, 10 de xullo, a IV Master class internacional de acordeón, que se celebrará os días 15 e 16 de xullo no Centro Cultural Marcos Valcárcel, na que Ourense e o acordeón serán os protagonistas, un evento que trae á provincia a músicos e estudosos deste instrumento, procedentes de Taiwán, Italia, Francia e Galicia, “unha mestura de culturas da man dun dos máximos representantes da nosa música”, dixo Manuel Baltar referíndose a Prieto. A master class combina parte teórica e unha prarte práctica e inclúe unha Jam Session conxunta, onde os participantes poderán poñer en práctica os coñecementos adquiridos e as súas propias achegas musicais.

No acto tamén se presentou o concerto que Víctor Prieto ofrecerá o vindeiro 19 de xullo, ás 20.00 horas, no Teatro Provincial de Ourense, acompañado por unha banda de jazz integrada por músicos de Galicia, Alemaña e Estados Unidos.

No concerto do día 19 no Teatro Principal Víctor Prieto presenta o seu traballo “The three voices”, acompañado de grandes instrumentistas “que fan que cada concerto sexa toda unha experiencia musical, sempre sorprendente”, destacou Manuel Baltar. Xunto a Prieto compartirán escenario o saxofonista norteamericano Chris Cheek; o contrabaixista alemán Hanns Höhn; o batería alemán Benno Sattler; o pianista pontevedrés Alberto Vilas, e a violinista ourensá Sara Gil.

Víctor Prieto agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e destacou a importancia de eventos como a master class, “que permiten innovar e seguir promovendo iniciativas internacionais, sempre con Ourense presente nos meus proxectos musicais”, remarcou o acordeonista. Víctor Prieto (Ourense, 1975) está considerado un dos músicos máis innovadores no ámbito do jazz na actualidade. Ten revolucionado coa súa maneira de compoñer e interpretar música ao acordeón, segundo a crítica, investigando e creando novos sons e técnicas para este instrumento. A súa música abrangue diferentes tendencias que mesturan jazz, tango, música clásica e raíces celtas. É o creador dunha nova técnica para o acordeón denominada “aproximación de acorde en ambas mans”, a cal crea harmonías non interpretadas anteriormente.

Artigos relacionados

Back to top button