OurenseÚltima hora

O actor Luis Tosar será un dos convidados de honra ao 23º Festival de Cine de Ourense

O certame, que se celebrará do 29 de novembro ao 5 de decembro, proxectará preto de 70 traballos de 17 países

Preto de 70 traballos, entre longametraxes, curtas e series de televisión, proxectaranse durante o Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). Un certame que tamén homenaxeará ao actor Luís Tosar, quen recibirá o premio Cidade de Ourense; á actriz Mabel Rivera, premio Fundación AISGE a toda a traxectoria; e ao director ourensán Xavier Bermúdez, a quen se outorgará o galardón Calpurnia de Honra.

A programación do Festival de Cine de Ourense 2018 que se presentaba na mañá do 23 de novembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel é “o programa da ilusión” e a Fundación Carlos Velo foi “fundamental na celebración desta 23 edición”, dixo o presidente da Deputación Manuel Baltar. O coordinador artístico do certame, Miguel Anxo Fernández, destacou, así mesmo, que a pesar de tratarse dunha edición organizada en tan só 7 semanas, ofrece un programa “variado” e cualificou o festival de “feliz realidade” froito dun desafío e un intenso traballo en equipo.

Do 29 de novembro ao 5 de decembro, o Festival de Cine Internacional de Ourense proxectará traballos procedentes de 17 países en 6 localizacións da cidade: o Teatro Principal, dúas salas do Auditorio Municipal, o Centro Cultural Marcos Valcárcel, o Cine Clube Padre Feijoo e, por primeira vez, o Liceo de Ourense.

 

O actor Luis Tosar , será un dos convidados de honra ao OUFF.

 

Na Sección Oficial compiten 10 longametraxes de 9 países. Ademais, por primeira vez compite unha película rodada en Ourense, Tódalas mulleres que coñezo, documental de Xiana do Texeiro que fala do acoso, a violencia sexista e a desigualdade entre homes e mulleres, e que tamén ten localizacións en Lugo. Tamén inclúe 4 longametraxes rodadas por mulleres e outras 4 óperas primas que vivirán no OUFF a súa estrea en Europa.

O festival contará, ademais, con varias seccións paralelas. O ciclo “Amal en ruta” dedicado ao cinema euroárabe, un ciclo sobre Ingmar Bergman con motivo do centenario do nacemento do lendario cineasta sueco; En Feminino, que presenta varias películas dirixidas e protagonizadas por mulleres; e unha selección das mellores longametraxes de Xavier Bermúdez, premio Calpurnia de Honra.

Por outra banda, Mar de Terra, o documental sobre o Entroido con protagonismo e música de Kepa Junkera, abrirá o festival o día 29 no Auditorio Municipal; mentres que Un home fiel, drama de Louis Garrel premiado en San Sebastián, será a película de clausura.

Máis información en www.ouff.org.

Artigos relacionados

Back to top button