OurenseÚltima hora

O Agrobiotech Fest reúne en Ourense a 250 axentes dos sectores da alimentación, da biotecnoloxía e da biomasa

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria destacou que "nas tres edicións da aceleradora Agrobiotech participaron 33 empresas que accederon a un plan de traballo á medida das necesidades de cada unha"

 

O Agrobiotech Fest reunía, na xornada do 22 de novembro, a 250 axentes dos sectores da alimentación, da  biotecnoloxía e da biomasa no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole para compartir coñecemento e contactos comerciais.

Este evento bienal, que chegou á súa terceira edición cun formato totalmente renovado, enmárcase no Programa Agrobiotech Innovación, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e da Tecnópole.

As novas tendencias protagonizaron as mesas sectoriais, nas que participaron empresas de referencia como  Leche Pascual, CAPSA, Biochemize ou Grupo Natac. Polo que respecta á alimentación do futuro, definiuse con  base a tres atributos: saudable, sustentable e personalizada. Ademais, fíxose referencia aos nootrópicos, os cannabicos e os postbióticos como os produtos emerxentes dos que máis se oirá falar a curto prazo. Sobre as demandas dos consumidores actuais, apuntouse que lles importa o produto, pero tamén como se fai, cunha esixencia crecente a nivel de sustentabilidade, respecto ao medio ambiente e aprovisionamento local. Polo que respecta aos envases, o consumidor premia que sexan biodegradables, reciclables e co mínimo compoñente de plástico.

 

Participantes no evento tecnolóxico.

 

A biotecnoloxía foi presentada como “a tecnoloxía máis antiga coñecida polo ser humano, xunto coa  metalurxia”, aínda que a súa aplicación a nivel industrial é recente e será no futuro cando se despreguen as súas grandes potencialidades. A nivel empresarial, destacouse que as dinámicas de innovación aberta das multinacionais con startups son unha vía moi eficiente para levar ao mercado solucións novas con relativa rapidez.

Durante a mesa da biomasa incidiuse na súa importancia para avanzar cara á bioeconomía. Neste ámbito, presentouse o proxecto Valor Nature, no que o CIS Madeira colabora co CTAG, GAIN e o Pólo de Inovação em Engenharia de Polímeros para usar residuos forestais en composites para automóbil, mobiliario e arquitectura, naval e aeronáutica. Tamén se incidiu na potencialidade que as fibras da celulosa teñen no mercado da moda, que hoxe supón o 6,6% do total pero que aumentarán no futuro, polo que convén garantir a súa procedencia para que sexa sustentable.

Durante a apertura do evento, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou que “nas tres edicións do programa de aceleración de empresas Agrobiotech celebradas ata a data apoiouse un total de 33 pemes galegas, 12 delas na deste ano”. Conde explicou que a aceleradora Agrobiotech “é unha iniciativa estratéxica para a Xunta que permite impulsar a innovación, a comercialización e a internacionalización das pemes galegas en tres sectores claves para o tecido produtivo galego e para a provincia de Ourense como son o agroalimentario, o biotecnolóxico e o da biomasa. “Grazas ao plan de traballo á medida das necesidades de cada empresa que ofrece o programa, as 21 iniciativas que participaron nas dúas edicións anteriores lograron posicionar máis de 50 novos produtos no mercado, rexistraron un aumento de facturación superior aos 6 millóns de euros e crearon máis de 70 novos empregos”, descatou Conde.

Artigos relacionados

Back to top button