OurenseÚltima hora

O alcalde de Castrelo de Miño reúnese co conselleiro do Medio Rural

Un dos momentos da reunión do rexedor de Castrelo do Miño co conselleiro do Medio Rural, que estaba acompañado polo delegado da Xunta en Ourense.

 

O alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, vén de manter unha reunión de traballo co conselleiro do Medio Rural, José González, na que tamén participaba o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén. Nela o rexedor transmitíalle ao conselleiro as necesidades e demandas dos veciños deste municipio ourensán relativas ao agro. Neste senso, ambos dirixentes fixeron balance da contía destinada á mellora das infraestruturas rurais, que ascende a algo máis de 73.000 euros entre os anos 2020 e 2021.

Así, foi aprobada a obra de asfaltado de camiños nos núcleos da Bouza e Ramiras, dentro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) do ano 2020, unhas actuacións que se levarán a cabo ao longo deste exercicio. Neste senso, o conselleiro sinalou que estas subvencións están integramente financiadas con fondos propios da Consellería, co fin de axudar de forma urxente aos municipios con carencias en infraestruturas ou con mal estado das mesmas.

Doutra banda, o titular de Medio Rural lembrou que no Plan Marco de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022, o concello de Castrelo de Miño ten adxudicada unha contía de 33.500 euros. Estas achegas, sinalou o conselleiro, van destinadas a facilitarlles aos concellos galegos a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso a, cando menos, dúas parcelas agrícolas, incluíndo tanto actuacións que supoñan un incremento da largura da vía como un aumento da súa lonxitude se rematan nunha estrada ou noutro camiño.

 

 

Así mesmo, tamén se subvenciona o reforzo do firme, de noiros ou de cunetas, as obras de mellora da sinalización ou da drenaxe e a adecuación de traballos de paso de cursos fluviais, así como o mantemento do firme, a limpeza das marxes do camiño ou o reforzo dos terrapléns.

Nesta liña, José González destacou a importancia destes programas de subvencións para as administracións locais, que permiten mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais mediante o acondicionamento das súas principais vías de comunicación.

Artigos relacionados

Back to top button