PolíticaÚltima hora

O alcalde de Manzaneda intervén no Parlamento Europeo

Falaba no marco da xuntanza “Reformas territoriais, austeridade e tratados de libre comercio: Que alternativas? Que alianzas?”
O alcalde de Manzaneda, Davide Rodríguez, no Parlamento Europeo.
O alcalde de Manzaneda, Davide Rodríguez, no Parlamento Europeo.

o alcalde de Manzaneda, Davide Rodríguez (Anova Irmandade Nacionalista), expoñía o 23 de abril no Parlamento Europeo en Bruxelas unha análise en clave galega sobre o impacto a nivel municipal da aplicación das medidas de austeridade impostas pola Troika, facendo fincapé en propostas de traballo e acción cas que enfrontar “o capitalismo neoliberal dende o ámbito local”. A súa intervención está enmarcada na xuntanza “Reformas territoriais, austeridade e tratados de libre comercio: Que alternativas? Que alianzas?”, convocada pola Rede de autoridades locais progresistas de Europa (REALPE) e polo Grupo da Esquerda Unitaria Europea -Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) -no que Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) está integrada.

Principaba agradecendo que as persoas participantes nesta xuntanza da rede Realpe tiveran debullado “de xeito tan humano” os problemas que se están a sufrir a nivel municipal, criticaba a Lei de Racionalización e Sostenibilidade da Administración Local, “unha lei que se basea en recortar dereitos e privatizar servizos a favor do Capitalismo e sempre na contra das e dos habitantes”, unha lexislación que foi recorrida diante do Tribunal Constitucional por aproximadamente 2.000 municipios e que mesmo foi cuestionada polo Consello de Estado ao respeito do seu encaixe constitucional. Rodriguez tamén manifestaba a “obviedade da estratexia de privatización que está a instaurar nestes momentos o Partido Popular no Estado español”.

Como mostra das estratexias de loita contra a privatización e a prol da remunicipalización dos servizos públicos en Galicia, Davide Rodríguez aludía en Bruxelas ao exemplo do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Manzaneda, un centro escolar ende estudan 23 nenos e nenas, no que este ano a Consellería de Educación pretendía suprimir o servizo de comedor “para traer un cátering dende unha cidade que está a 200km de Manzaneda”. Fronte a esta situación, “dende o propio Concello, con moita presión social e moito apoio político, conseguimos remunicipalizar outra vez o servizo”, lembraba, “e agora as nosas nenas e nenos están comendo comida de calidade, cociñada in situ e con produtos mercados na nosa terra”.

Artigos relacionados

Back to top button