OurenseÚltima hora

O alcalde de Ourense séntese “traizoado” e di que continuará gobernando cun só edil

Gonzalo Pérez Jácome comparecía esta mañá ante os medios no salón de plenos do Concello

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante a comparecencia ante os medios esta mañá.

 

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensana), comparecía ás 11h. desta mañá nunha rolda de prensa non presencial na que aseguraba sentirse “traizoado” polos 5 concelleiros do seu propio grupo político, pero tamén sente “traizoada a lealdade que” el mesmo mantiña “ao pacto alcanzado co Partido Popular para o goberno da cidade e da Deputación Provincial”. Esta formación política municipal anunciaba onte a suspensión dese pacto.

Ao seu entender, houbo tres fases nesta ruptura: “a do medo -cando me intimidaron cunha intervención inmediata-, á da presión -coa denuncia á Fiscalía e perante os medios, para que dimitise- e a do abandono ou soidade”.

Pérez Jácome, que conta co apoio do concelleiro Armando Ojea, non ten pensado dimitir e asume o mando e o goberno dunha cidade, afirmou, que “prevé tramitar preto de 1.000 millóns de euros (en contratacións de adxudicacións coma a do transporte urbano, a auga ou a recollida de lixo, nos orzamentos ou remanentes) en minoría, chegando a pactos puntuais con todos os grupos”.

En relación aos seus socios de goberno, Jácome asegura que “podemos garantir a estabilidade de Ourense, pero se o PP non apoia a alcaldía, tampouco apoiaremos nós na Deputación”, órgano no que considera directamente a Miguel Caride como “a chave da gobernabilidade”.

“Viñen para cambiar Ourense e nunca lle fallarei, teño sido unha persoa tremendamente leal”, concluía.

Ante unha pregunta da prensa, Jácome xustificaba que a rolda de prensa fose non presencial debido á actual situación sanitaria e en cumprimentoda Orde do 2 de setembro de 2020 da Consellería de Sanidade e por recomendación do Servizo de Prevención de Riscos municipal.

 

Artigos relacionados

Back to top button