EconomíaEconomíaÚltima hora

O alcalde de Quiroga anuncia que tomará medidas tras case 24 horas sen telefonía móbil no municipio

Convoca á veciñanza a unha concentración o próximo luns día 20, as 13:15 horas diante da casa do Concello de Quiroga, para amosar o desacordo contra Movistar

Exterior do Concello de Quiroga./ Cedida.

 

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, vén de amosar o seu malestar contra a empresa de telefonía móbil Movistar, tras “o nefasto servizo que vén ofrecendo nos últimos meses, mínimo unha vez á semana estamos sen rede móbil” , “é algo que non se pode consentir, facernos sentir como en tempos de posguerra”.

Julio Álvarez considera que non se pode permitir que esta operadora tivese ao municipio durante case 24 horas sen servizo (entre as oito e media da tarde e as sete da tarde) Durante esta xornada, os servizos básicos do municipio, bancos, servizos de urxencias, administracións, farmacias e empresas particulares, foron privados a desenvolver as súas actividades.

O rexedor local anunciou que tomará todas as medidas legais oportunas contra esta compañía e convida a toda a veciñanza do municipio, a que se sumen a unha denuncia conxunta en contra da compañía Movistar, e convida os usuarios a que cambien os seus contratos a outras compañías.

Julio Álvarez afirma que é “inconcebible que despois de tanto tempo unha das compañías de telefonía máis importantes do país non sexa capaz de solucionar os seus problemas de cobertura e que a veciñanza teña que sufrir continuamente cortes nun servizo que paga”.

Por todo isto, o rexedor local, convida a toda a veciñanza deste municipio e a dos concellos limítrofes a participar nunha concentración o próximo luns día 20, as 13:15 horas diante da casa do Concello de Quiroga, para amosar o desacordo contra esta compañía, así como tamén lle ofrece aos usuarios a posibilidade de realizar unha denuncia conxunta, na vía administrativa e na xurídica.

.

Artigos relacionados

Back to top button