EconomíaEconomíaÚltima hora

O alcalde de Quiroga reúnese co presidente da Xunta para pedir a D.O. para o aceite desta comarca lucense

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, na reunión co presidente da Xunta./ Foto cedida.

 

Dende o Concello de Quiroga continúase a traballar co obxectivo de acadar o recoñecemento dunha Denominación de Orixe Protexida para o aceite producido e elaborado nesta comarca do sur de Lugo. O último paso dado neste senso é a reunión que o alcalde quirogués Julio Alvarez mantiña esta mañá de 14 de outubro en Santiago de Compostela co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

No decurso da xuntanza o rexedor expúxolle a postura que vai manter o Concello neste tema e ante iso o presidente da Xunta “amosouse moi interesado no aceite de Quiroga, e comprometeuse a estudar a documentación presentada”, segundo o Concello. Julio Álvarez amosábase moi satisfeito coa resposta do presidente á saída da reunión.

 

Outro dos momentos da xuntanza.

 

A solicitude de Denominación de Orixe Aceite de Quiroga presentouse xa o pasado 14 de marzo ante a Consellería de Medio Rural, a través da Xefatura Territorial de Lugo. Xunto coa solicitude achegábase a documentación esixida pola lexislación vixente para a apertura e tramitación do expediente, que o executivo galego ten que remitir ao Ministerio de Agricultura, primeiro, e á Unión Europea, despois.

“Transcorridos máis de seis meses dende esta solicitude, da que non se ten contestación, o alcalde de Quiroga decidiu tratar este asunto persoalmente co presidente da Xunta”, tal e como se indica dende o Concello de Quiroga.

Nesta xuntanza co titular do goberno galego, que se prolongou máis de media hora, o rexedor aproveitou tamén para falar sobre outros temas importantes para Quiroga.

Artigos relacionados

Back to top button