EconomíaEconomíaÚltima hora

O alcalde de Viana aborda coa conselleira do Medio Rural a mellora das infraestruturas do municipio

Outra das cuestións abordadas na reunión, celebrada en Santiago, era o fomento do pastoreo
O alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernánde, na reunión coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.

A necesidade de continuar impulsando o acondicionamento e mellora da Oficina Agraria Comarcal de Viana do Bolo, co fin de optimizar os diferentes servizos que se ofrecen aos agricultores e gandeiros da zona nestas instalacións, era unha das cuestións que o alcalde deste concello ourensán, Secundino Fernández, plantexaba na xuntanza que vén de manter coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, en Santiago.

Tamén neste eido avaliaban as achegas da consellería para a renovación de camiños rurais de titularidade municipal. Este ano Medio Rural destinará un total de 69.701,81 euros para estes labores no devandito concello. Será dentro do plan de acondicionamento de vías elaborado por este departamento da Xunta para mellorar a calidade de vida dos veciños, propiciar a cohesión territorial e fixar poboación no rural.

Outra das cuestións abordadas na reunión era o fomento do pastoreo. Ángeles Vázquez e o alcalde vianés avanzaban na posta en marcha do plan elaborado pola consellería para a ordenación e posta en valor deste aproveitamento en toda a zona do Macizo Central Ourensán, que beneficiará a diferentes concellos, entre eles o de Viana do Bolo.

O principal obxectivo desta iniciativa é a ordenación silvopastoril, racionalizando o aproveitamento do monte e evitando tanto as cargas excesivas ou insuficientes como o seu abandono. Trátase, ademais, dun método eficaz para o control da vexetación arbustiva e, xa que logo, para a prevención dos incendios forestais.

Este plan de pastoreo, segundo se informa dende Medio Rural, aplicarase entre este ano e o vindeiro, empezando por realizar unha radiografía da situación dos pastos, a estrutura e distribución do gando no monte e as necesidades en canto a terreos e infraestruturas como peches, etc. A partir desta análise pormenorizada levarase a cabo unha regularización da actividade buscando harmonizar os intereses de todos os implicados, fundamentalmente gandeiros e titulares dos terreos, cos que se consensuará, en todo momento, a posta en marcha do plan.

Artigos relacionados

Back to top button