ConcellosÚltima hora

O alcalde de Viana convida a Dolce & Gabanna a visitar o Entroido deste concello

Vén de enviarlle unha carta á empresa na que lle transmite o malestar dos veciños pola similitude entre as camisas da súa colección primavera-veran 2018 e a que leva tradicionalmente Boteiro e pídelle que se recoñeza a “orixe da inspiración”
Boteiros durante o desfile do Domingo Gordo en Viana do Bolo./ Foto: Mónica G. Bellver.

No marco da polémica suscitada en Viana do Bolo ao difundirse unha imaxe dunha prenda da colección primavera- verán de Dolce & Gabana cun notable parecido coas que levan os Boteiros do Entroido deste municipio (e tamén os do veciño Vilariño de Conso), o alcalde vianés, Secundino Fernández, vén de enviarlle unha carta a esta empresa.

Na súa misiva, explícalle a localización de Viana do Bolo e tamén lle fala da riqueza das súas tradicións, entre elas o seu Entroido. Dentro del “a figura emblemática é o Boteiro”, que constitúe “un ben cultural e é o sinal de identidade máis importante do noso concello. Trátase dun capital cultural intanxible e dun coñecemento cultural colectivo que se transmite de xeración en xeración, do que nos sentimos orgullosos e que respectamos como o que é, a nosa cultura”.

 

O alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández./ Foto cedida.

 

Ademais, o rexedor vianés refírese á gran similitude do vestiario dos modelos presentados na colección primavera-verán de Dolce & Gabanna coa camisa que viste tradicionalmente o Boteiro. “Tódalas veciños e veciñas que viven o Entroido e o senten quedaron perplexos ao observar as imaxes das modelos con eses traxes de Boteiro na pasarela. Non só polo seu colorido, senón tamén polo seu deseño de figuras e pola forma de facelas (cintas de raso plisadas e “fruncidas”). O desgusto da veciñanza foi grande cando nin tan sequera se mencionou a orixe da “inspiración”. Non se mencionou nin se recoñeceu esa figura centenaria, nin ás artesás que elaboran as camisas e que mantiveron esa tradición, que pasa fundamentalmente de nais a fillas”.

É por iso que o alcalde demándalle á empresa na súa carta que “se recoñeza publicamente que é o noso Boteiro a fonte de inspiración dos seus deseños”. Ademais convida a Dolce & Gabanna a visitar Viana, “sobre todo, no Entroido” para que “puideran admirar en directo a beleza, a forza, a espectacularidade, a emoción que envolve ao noso entroido e a súa principal figura: O Boteiro”.

Ademais, “e como feito de desagravio e como mostra de hospitalidade, convidámolos a mostrar esas creacións inspiradas no Boteiro en Viana do Bolo. Ofrecémonos a que eses modelos poidan desfilar polo noso precioso casco histórico, no entorno natural e cultural do Boteiro”, conclúe o alcalde de Viana na misiva remitida á empresa.

Artigos relacionados

Back to top button