ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

O alcalde de Viana recibe a visita da delegada da Xunta en Ourense

Marisol Díaz supervisaba as obras que permitiron mellorar a accesibilidade da Casa do Concello vianesa, realizadas en colaboración con esta administración local

Co fin de supervisar as obras de rehabilitación levadas a cabo na Casa do Concello de Viana do Bolo ao abeiro dunha subvención da Vicepresidencia, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz, achegábase ata esta localidade do oriente ourensán na mañá do 8 de febreiro, acompañada polo xefe provincial da Consellería de Presidencia.

Ambos eran recibidos polo alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández, e accedían a Casa Consistorial pola nova entrada deste edificio, que dá paso a un ascensor dende o cal se vai ás diferentes plantas. O rexedor vianés amosáballe á delegada da Xunta todas as actuacións executadas na Casa do Concello co obxectivo de mellorar a accesibilidade do inmoble e lograr o seu illamento para atallar os problemas de humidade existentes. Así, instalouse un ascensor, leváronse a cabo obras de mellora no illamento térmico, co cambio da carpintería exterior, e a remodelación dunha parte da edificación para a creación de novas oficinas.

“Esta obra é moi importante porque, aínda que non é dun volume económico grande, permite solucionar un problema grave de accesibilidade que tiña o Concello de Viana. Este é un edificio singular, histórico e precioso dende un punto de vista arquitectónico, pero que tiña multitude de escaleiras e agora conseguimos, despois de moitos estudos técnicos, poder acceder a calquera punto del sen ter que subir nin un chanzo”, destacaba Secundino Fernández.

Con relación o apoio da Xunta nesta intervención, a delegada apuntaba que “este tipo de axudas permiten levar a cabo actuacións que benefician directamente aos cidadáns, contribúen decisivamente á mellora da súa calidade de vida e demostran as vantaxes da colaboración entre administracións”, aseguraba Marisol Díaz. Neste caso concreto a Xunta e a administración local aunaron esforzos para facer fronte aos case 45.000 euros que custou a intervención. O departamento autonómico achegou 35.000 euros, o resto aportounos o Concello de Viana.

Tras percorrer as instalacións do Concello e saudar ao seu persoal, a delegada da Xunta reuníase, xa no salón do plenos cos edís que forman parte da Corporación vianesa, na que están representados tres partidos políticos: BNG,PP e PSdeG. Logo era agasallada cuns pinchos.

Finalmente, Marisol Díaz mantiña unha xuntanza co alcalde de Viana no seu despacho, na cal lle transmitía “todo o apoio, diálogo e cooperación da Xunta” co fin de obter a coordinación necesaria coa Administración local para dar resposta ás demandas dos veciños e veciñas e mellorar súa calidade de vida.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button