DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O alcalde do Barco dá a coñecer o proxecto do módulo cuberto de atletismo na gravación dun programa sobre o Adas na Radio Galega

Con máis de 36 anos de traxectoria deportiva, o Adas está considerado co club decano do atletismo provincial. Unha traxectoria que o seu presidente, Agustín González “Tinín”, lembraba dende as orixes da agrupación no espazo “Convivir deportivo” da Radio Galega, que se gravaba na tarde do 8 de xuño no edificio multiusos do Barco e que se emitirá proximamente. Nun primeiro programa abordábase a historia do club cunha serie de entrevistas que o presentador deste espazo, Alfonso Pardo, realizaba a Tinín, pero tamén a outras persoas que viviron a evolución deste club, como alcaldes valdeorreses, o presidente da Federación Galega de Atletismo (FGA), Isidoro Hornillos, e a familia de Tinín.

Na parte final deste programa, Tinín mencionaba o importante que sería de cara ao futuro do atletismo valdeorrés poder contar con módulo cuberto no Barco. Pouco despois, o alcalde do Barco, Alfredo García, facíalle entrega ao presidente da federación galega do proxecto xa redactado desta instalación deportiva e que roza os 900.000 euros.

Seguidamente comezaba a gravación dun segundo programa no que se abordaba a situación actual que vive o Adas a través do seu presidente, pero tamén de atletas de diferentes categorías (como Alejo Ares e Belén García) e monitoras e tamén atletas como Mónica Yáñez e Raquel Rodríguez, entre outras.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button