EconomíaEconomíaÚltima hora

O alcalde do Barco insiste en pedir un reparto dos fondos da Deputación con “criterios obxectivos”

Alfredo García, alcalde do Barco, durante a rolda de prensa./ Foto: Carlos G. Hervella.

Poñendo sobre a mesa un acordo que se levará ao vindeiro pleno da Deputación de Ourense e que suporá o reparto de 8.054.000 euros entre concellos e mancomunidades da provincia, entre outras entidades, o alcalde do Barco, Alfredo García, volvía insistir en pedir “un reparto de fondos da Deputación con criterios obxectivos. É moito diñeiro a repartir sen ningún tipo de criterio obxectivo e iso é inaceptable. Falamos do que debería ser o normal no reparto de fondos públicos”.

Segundo Alfredo García, aplicando criterios obxectivos deses 8 millóns “ao Barco corresponderíanlle 180.000 euros”. Nese senso, o rexedor asegura que se lle presentou un proxecto á Deputación para arranxar a rúa Ferrol e que, se non reciben o apoio desta entidade, terá que acometelo o propio Concello.

 

O rexedor barquense noutro dos momentos da súa intervención./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Con respecto a Valdeorras, engadía Alfredo García, deberían tocarlle “800.000 euros e tócanlle 500.000 euros. A comarca non sae ben parada, Valdeorras existe para case todos menos para a Deputación”. Tamén criticaba que nese reparto a Ruta do Viño de Valdeorras non recibe ningún tipo de financiamento, “cando si aparece unha axuda para outra ruta do viño da provincia”, e que tampouco haxa axudas para ningunha entidade deportiva da comarca. “Non cuestiono que as axudas que se dan estean ben dadas, o que cuestiono é a falta de criterios, o sistema de reparto. Se se seguise un criterio de reparto obxectivo tocaríanos máis”, dicía García.

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button